INAUGURAMOS A PRIMEIRA RESIDENCIA DE ARTISTAS MUNICIPAL E MULTIDISCIPLINAR DE GALICIA

A alcaldesa Nava Castro, agradece a presencia do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do Conselleiro de Cultura, José López, do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera e do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, á inauguración da primeira residencia de artistas pública e multidiscipliinar de Galicia.

Tamén agradece a presenza de alcaldesas e alcaldes da comarca, diversas autoridades da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra así como artistas locais e da contorna e unha representación dos primeiros residentes de Artistea

Desde o grupo de goberno do Partido Popular, non imos escatimar esforzos en converter Ponteareas nunha vila próspera, moderna e con proxectos que apoien ás persoas que necesitan empezar, relanzarse ou incorporarse tanto ao mundo laboral como educativo social.

Nava Castro rememora o importante papel de Ponteareas no eido da cultura, as nosas Bandas, escultores, pintores, escritores, pensadores, músicos e creadores do arte efímero que levaron e levan o nome de Ponteareas por todo o mundo, por que non contar agora cun espazo no que seguir promovendo novos talentos? Ponteareas é berce de creadores, a residencia de artistas “Artistea” rende tributo a todas e todos eles e do mellor dos xeitos, promovendo un espazo no que os novos talentos teñan unha oportunidade de contar cun espazo no que aprender da man de profesionais consagrados.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca o espírito emprendedor e artístico da vila de Ponteareas e das súas xentes que enriquece a nosa sociedade e sinala a necesidade de dar apoio a aquelas iniciativas que potencien todas estas inquedanzas.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o papel da residencia Artistea como unha mostra de municipalismo a través da cultura e da arte. “Contar cunha residencia pioneira como esta en Ponteareas supón deixar unha pegada máis no patrimonio inmaterial de Ponteareas e da comarca do Condado, abrir unha porta para que artistas emerxentes da nosa provincia poidan acadar todo o seu potencial e facer deste Concello un centro para a creación artística e o intercambio de experiencias e coñecemento que nos enriquecerá a todos”,

A residencia de artistas tamén acolle a sede da extensión da UNED, ofrecendo formación e dinamizando a economía da nosa vila, ademais de ser un motor social que brinda a oportunidade única de formarse sen saír da túa contorna. Na actualidade máis de 400 persoas participan de forma presencial e en liña nos cursos activos na sede da UNED Ponteareas.