A alcaldesa de Ponteareas Nava Castro e o concelleiro de ensino Ricardo González, visitaron a aula de Areas do CRA A Picaraña para inaugurala despois das obras realizadas.
Ricardo González detalla que “esta aula tiña grandes deficiencias e as familias levaban varios anos demandando o seu arranxo ante o abandono e deixamento do anterior goberno de esquerdas do BNG-PSOE. Intervimos o máis rápido posible e dende o goberno tomamos a decisión de buscar a solución máis inmediata, pero tamén máis efectiva para asegurar o benestar do alumnado. No caso deste aula realizáronse obras de eficiencia enerxética co cambio de todas as ventás e portas que permiten maior eficiencia térmica para protexer mellor aos nenos e nenas das baixas temperaturas do inverno. Substituíuse o tellado e toda a súa estrutura, que estaban moi danados sen que o bipartito fixese algo, filtrando auga e provocando goteiras no interior. Unha intervención similar tamén fixemos na aula de Pías co cambio de tellado”. Ricardo González engade que na aula de Areas tamén se realizaron obras de mantemento básico do exterior, pintado de aulas e, sobre todo, acondicionamento das zonas de xogo dos nenos e nenas, para telo a punto neste inicio de curso”.
Nava Castro sinala que “o obxectivo era buscar unha mellora eficiente para que os rapaces e rapazas se sintan o máis cómodos posibles nas aulas, xa que é unha parte importante no seu día a día. E conseguímolo. Ter aulas como as do CRA A Picaraña é un luxo para a educación pública dos rapaces, por iso queremos seguir manténdoas, pero coa comodidade e calidade que merecen” O director do CRA A Picaraña, deu as grazas ao goberno “pola súa clara aposta por este tipo de escolas e, sobre todo, por non só ter palabras, senón cumprir con feitos as necesidades que se viñan dando nas diferentes aulas”.