A concellería de Ensino que dirixe Ricardo González, traballa nos últimos remates da posta a punto dos colexios de infantil e primaria e das aulas do Centro Rural Agrupado A Picaraña que entrañaron obras maiores, de accesibilidade e de seguridade pero tamén obras de mantemento básico de roza e de limpeza nos cinco colexios de infantil e primaria do Concello e nas seis aulas que integran o CRA.
O CEIP Santiago de Oliveira contará por primeira vez cun comedor para xantar ao mediodía, melloramos a accesibilidade no CEIP Ramiro Sabell, na unitaria de Areas cambiamos o tellado e tanto nesta como na de Ribadetea instálanse novas ventás para protexer ao alumnado das baixas temperaturas do inverno.
O Goberno investiu máis de 42.000€ euros nestas obras realizadas na tempada estival que permitiron importantes arranxos como os realizados no colexio Fermín Bouza Brey onde se fixo unha intensa intervención de limpeza xeral tanto interior como exterior e corta de árbores con risco de caída no perímetro do colexio. Tamén se procedeu á preparación e saneamento das paredes tanto do muro como da aula do comedor para posterior pintado. No comedor e cociña mellorouse o chan e instalouse tarima flotante e rodapé ademais de reparar as persianas rotas, as avarías de fontanería e calefacción que perdían auga e acondicionar os xogos na zona infantil ao estar moitos dos anteriores rotos.
No colexio de Santiago de Oliveira deuse resposta a unha necesidade das familias que axudará á conciliación familiar e laboral e acondicionouse unha aula para comedor no que se montou fontanería, electricidade, instalación de clorímetro, tarima flotante no solo e rodapés, pintado de dúas aulas e se completou a obra co cambio das espaldeiras e a compra e próxima instalación de estores e luces de emerxencia.
A alcaldesa, Nava Castro, na súa visita ás obras adiantou á directiva do centro que o colexio contará con todo o apoio necesario para que as familias poidan deixar aos seus fillos e fillas ao mediodía nese espazo habilitado para o comedor e axudar así á conciliación.
“Estas obras viñan sendo demandadas dende hai moitos anos pola comunidade educativa. As aulas do CRA precisan de grandes reformas porque, na maioría, os tellados e a estrutura están moi danados por falta de mantemento durante a etapa do bipartito BNG-PSOE, o que antes requiría un mínimo de mantemento e ao non realizarse, agora require unha maior obra con máis gasto para o concello. Damos resposta a necesidades das familias como a creación dunha aula para o comedor en Santiago de Oliveira, ou o cambio do tellado na unitaria de Areas que irá con cargo ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra así como o cambio de ventás nesta aula e na de Ribadetea que mellorarán a eficiencia enerxética do edificio pero tamén a confortabilidade do espazo para o alumnado”,
CEIP Feliciano Barrera de Guláns se repararon as paredes en tres aulas completando a intervención co pintado das mesmas, colocación de tarima flotante e estanterías. Ademais retirouse o caucho vello da zona de xogos infantís e instalouse máis de cen metros cadrados de caucho novo nesta zona.
No CEIP Ramiro Sabell procedeuse á construción dunha rampa de formigón para mellorar a accesibilidade, colocáronse dous termos de auga, fixeronse reparacións na fontanería, retiráronse residuos ao punto limpo e desbrozouse a parte traseira do centro eliminando a súa vez especies invasoras.
No colexio As Veigas, anterior Nosa Señora dos Remedios, cortáronse árbores que danaban o muro exterior evitando así futuros problemas de seguridade e pintáronse os teitos ademais de colocar distinto material como os corchos das aulas que se instalarán nos vindeiros días.
Na aula de Ganade e na de Moreira realizáronse traballos de poda e revisión de persianas, na de Pías de pintado de muro exterior, instalación de toldo e recheo no areeiro e instalacións de pasamáns no edificio anexo.
Na escola unitaria de Portela, en Xinzo, reparáronse a fontanería dos baños e realizouse a estrutura e colocación dun toldo de sombreo.
Na aula do CRA de Parada fixéronse actuacións de seguridade como o grapado do muro de contención, intervención temporal á espera das obras de substitución do muro. Reparáronse os baños e mercouse e colocouse un espello ademais de proceder á instalación de cinco estores e podar.
Ricardo González, edil de Ensino trasladou o seu agradecemento especial ás traballadoras e traballadores desta área que non descansaron para inaugurar o novo curso escolar con estas melloras realizadas, “somos conscientes de que quedaron obras sen facer que non esquecemos e que executaremos en canto sexa posible”.