O Partido Popular de Ponteareas ratificamos o noso compromiso co coidado dos veciños e veciñas, maiores e dependentes ao aprobar o maior orzamento para o servizo de atención no fogar de Ponteareas, rematando coa listaxe de espera das persoas con grao III tras 8 anos sendo abandonadas polo anterior goberno do Bloque Nacionalista e o Partido Socialista.
Incrementamos nun 50% o servizo as persoas usuarias e seguimos traballando para rematar coa listaxe de espera de persoas dependentes de grao II
O SAF será o servizo público máis importante dos vindeiros anos, cun custe de 6.544.800 euros, permitindo incrementar nun 50% as novas persoas usuarias ao servizo dando así cobertura como mínimo a todas as persoas con dependencia recoñecida de grao III e cubrindo a maioría das persoas recoñecidas con grao II. O contrato do servizo de atención no fogar (SAF) incrementa nun 63% as horas de atención, pasando das 55.200 horas a 90.000 horas, 34.800 horas máis. O novo contrato do SAF será a tres anos dando así estabilidade de coidados ás persoas beneficiarias e tamén ao persoal contratado que pasará de 17 traballadoras a 50 a xornada completa e pasando dunha traballadora social a dúas.
“Unha das nosas prioridades é atender ás persoas que máis o precisan e nesa liña traballamos e así conseguimos o primeiro obradoiro de emprego xuvenil, un plan específico para a integración laboral de persoas de etnia xitana, un programa integrado de emprego e agora un novo obradoiro de emprego cando aínda non rematamos o anterior”, explica a alcaldesa Nava Castro, que adianta que desde o goberno e a concellería de Servizos Sociais que dirixe Raquel Plana, seguirán traballando para rematar tamén coa listaxe de espera das persoas dependentes de grao II. “Dedicar esforzos e orzamentos ao coidado das persoas é fundamental porque ademais de dar solución a necesidades presentes dos nosos veciños e veciñas, contribúe a previr futuros empeoramentos”. “Consideramos que será unha mellora importante para a sociedade chegando a máis persoas usuarias que non teñen outra alternativa para os coidados e que non se poden permitir contratar pola súa conta unha asistencia persoal para o seu día a día”.