NAVA CASTRO VOLVE A CUMPRIR O SEU PROGRAMA ELECTORAL COA CONSTRUCIÓN DOS VESTIARIOS NAS PISTAS DE TENIS DA FREIXA

O Partido Popular aposta polo pulmón verde de Ponteareas coa Freixa, espazos deportivos e sendeiros que fomentan hábitos de vida saudable para os nosos veciños e veciñas.

O goberno de Ponteareas adxudicou as obras para dotar ás pistas municipais de tenis de vestiarios, aseos e almacén, unha demanda histórica do Club Tenis Ponteareas no que adestran centos de veciñas e veciños de toda a comarca e que non dispuña de baños. A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosa a súa satisfacción e adiantou que as obras comezarán o antes posible “ao ser un servizo indispensable para a práctica deportiva na vila e unha débeda histórica con este club”.

O grupo municipal do Partido Popular, xa levara a proposta nunha moción presentada no Pleno do mes de agosto do ano 2022, sen que o goberno por aquel entón, o bipartito do BNG e PSOE, fixese algo polos máis de 150 deportistas.

Nava Castro engade que este é un paso máis para revalorizar esta zona que ofrece un servizo indispensable para o tempo de lecer e a práctica deportiva ao lado do centro urbano. “Apostamos pola Freixa e a contorna de Pardellas como un pulmón verde, de desfrute para as familias e de fomento de hábitos de vida saudable”. A obra, conta co apoio do goberno de Alfonso Rueda, aportando a Xunta de Galicia o 80% do custo final da obra, que transformará unha caseta existente na zona nunha construción de estética similar aos chiringuitos da Freixa cuberta de madeira termotratada albergando dous vestiarios independizados por sexos, un vestiario/aseo adaptado e un almacén.