ARQUITECTAS E ARQUITECTOS INTERÉSANSE POLA TRANSFORMACIÓN DO MERCADO MUNICIPAL NA BIBLIOTECA PÚBLICA DE PONTEARAES

Gran participación de profesionais da arquitectura na visita organizada polo Concello de Ponteareas ao mercado municipal. Profesionais de toda Galicia e de fóra do noso territorio tomaron apuntes e gravaron arquivos audiovisuais para traballar no proxecto de transformación do mercado en biblioteca pública de Ponteareas. Máis de vinte arquitectas e arquitectos visitaron xunto á concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, e o concelleiro de Comercio, Ricardo González, as instalacións e contorna do mercado para aproximarse á realidade do edificio e comezar a traballar nas súas propostas.

A alcaldesa, Nava Castro, amosa a súa satisfacción ante o alto interese que espertou o concurso e salienta a necesidade de traballar con profesionais que aporten coñecementos, creatividade e ilusión . Por este motivo e co obxectivo de executar unha obra ben pensada e que dea unha axeitada solución ás necesidades, o goberno de Ponteareas buscou a colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para a redacción das bases e para formar parte do xurado,

Nava Castro valora moi positivamente este novo avance tan necesario para a cidadanía “temos moitas e moitos usuarios da biblioteca pública municipal que ofrece moitos servizos e que precisamos ampliar”.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, “buscamos a excelencia na nosa xestión, apostamos por planificar e pensar ben cada acción coa intención de que cada investimento e recursos públicos dos veciños e veciñas sexan ben aproveitados. Por este motivo optamos por un concurso deseñado por expertos como o COAG, o maior referente en arquitectura de Galicia”.