NAVA CASTRO AGRADECE Á XUNTA DE GALICIA O INVESTIMENTO DE 1,4 MILLÓNS DE EUROS

A alcaldesa, Nava Castro, aproveitou a visita do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, para agradecer o investimento de 1,4 millóns de euros que a Xunta realizou para renovar 9,3 kilometros de firme entre a rotonda de Ponteareas e Mondariz.

Trátase dunha actuación que contou cun investimento da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de máis de 1,4 millóns de euros e que comprende 9,3 quilómetros de vía nos concellos de Ponteareas, Mondariz e Mondariz-Balneario. O delegado territorial asegurou que “este importante investimento permitirá mellorar a seguridade e a comodidade dos centos de veciños e veciñas que cada día pasan por esta vía”. Neste sentido, Reguera lembrou o compromiso da Xunta con Ponteareas.

O delegado aproveitou a visita para adiantarlle á alcaldesa e concelleiros presentes, que a Xunta contempla a proxección dunha nova senda peonil que se construirá nesta mesma estrada. Trátase dunha demanda do concello no que a Xunta espera avanzar proximamente. “Agradecemos á Xunta que recollera a nosa demanda e facilataremos todo o posible dentro das nosas competencias para que esta nova intervención sexa realidade o antes posible”, asegurou Nava Castro.