Ponteareas é o primeiro Concello de Galicia en deseñar o seu futuro verde e dar un paso en firme na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas. A alcaldesa, Nava Castro, e José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, presentaron no salón de plenos do Concello a estratexia “Infraestrutura Verde de Ponteareas” que contempla 8 obxectivos, 40 liñas estratéxicas, 50 accións e 43 propostas concretas a desenvolver nas 24 parroquias da vila.
“Coñeceremos a fondo os nosos recursos naturais para respectalos e conservalos como o pulmón da vida en Ponteareas e planificaremos o noso crecemento en harmonía co medio natural procurando nel un aliado”, resumiu a alcaldesa, Nava Castro, adiantando que o orzamento do vindeiro ano, 2025, xa contemplará partidas para a execución das primeiras accións da Infraestrutura Verde de Ponteareas. “Xa estamos implantando esa conciencia verde e este ano a Confederación Hidrográfica realizou actuacións de mellora no río Tea que solicitamos nada máis chegar ao goberno, convocamos o primeiro Concurso de balcóns floridos da vila e conseguimos varios galardóns do movemento Vilas en Flor Galicia.
De acordo ás directivas europeas, estatais e autonómicas, Ponteareas posiciónase así á cabeza das entidades locais que planifica o seu futuro da man de solucións baseadas na natureza (SBN). A Infraestrutura Verde de Ponteareas garante a redución da fragmentación de hábitats e ecosistemas, a mellora da conectividade ecolóxica no municipio, a provisión de servizos ecosistémicos clave para o benestar humano, a mitigación dos efectos do cambio climático, e a mellora da resiliencia climática e capacidade de adaptación da sociedade.
Silvia Fernández, concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, sinalou algunhas das accións que se contemplan como a realización dun estudo da biodiversidade nas áreas núcleo e corredores ecolóxicos da infraestrutura verde municipal; a revisión do trazado das vías propostas no PXOM que supoñen afeccións a corredores ecolóxicos, coa avaliación de alternativas de baixo impacto; ou o desenvolvemento de medidas de xestión ecolóxica dos tramos de corredores fluviais afectados por liñas de alta tensión, tendidos eléctricos ou cortalumes convencionais.
O director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, felicitou a Nava Castro por esta iniciativa de desenvolver e poñer en marcha a estratexia de Infraestrutura Verde de Ponteareas, converténdose no primeiro concello de Galicia en contar cun instrumento de planificación integral para a mellora da xestión territorial a longo prazo baseado nos criterios de sostibilidade, conectividade ecolóxica e orientado á mellora da calidade de vida e o benestar da cidadanía.