NAVA CASTRO QUERE TRASMITIR AO POBO DE PONTEAREAS QUE SEGUE A MAN TENDIDA A ACIP POLO BEN DE PONTEAREAS E DECLARA QUE A ALCALDÍA NON É UN “XOGO DE TRONOS”

  • Na antesala do pleno de investidura no que Nava Castro ten a responsabilidade de conformar goberno como lista máis votada no 28-M, a líder popular apela á responsabilidade política
  • Os resultados trasladan que a cidadanía quere que nos entendamos e que cheguemos a un pacto de goberno. De non aceptar este proxecto común, Castro e seu equipo confían en que o sentido do voto de ACIP sexa a favor, ou en todo caso, que se vote a si mesmo e permitir o goberno en minoría
  • Os populares recordan que “o momento de tomar a decisión é agora, e para os próximos catro anos, non pensamos en mocións de censura a metade de mandato”

 

Ponteareas, 15 de xuño de 2023. A poucos días de que se celebre o pleno de investidura para o mandato 2023-2027, Nava Castro e o seu equipo recordan que o resultado electoral dixo que o bipartito BNG-PSOE deixaran o goberno.

 

A líder dos populares insta a ACIP, no seu conxunto (membros electos, dirección, afiliados e simpatizantes), a que “por sentido común e polo ben de Ponteareas, rebaixen as súas esixencias e sexan protagonistas dun goberno de cambio nun período chamado a marcar un antes e un despois no municipio”. A proposta realizada por Nava Castro segue en pé: Tenencia de Alcaldía, concellerías de goberno e liñas programáticas comúns.

 

Solicitan que nas filas do partido chamado a ser socio de goberno prioritario non entendan a Alcaldía como un “xogo de tronos, porque o realmente importante é o proxecto estable e a cidadanía”.. A isto enganden que desde o PP sempre se traballou con total transparencia: “Fixemos unha campaña co obxectivo de ser a lista máis votada para poder gobernar e a cidadanía entendeuno e respaldounos para iso. Dubidamos que os votantes de ACIP tivesen clara a estratexia e a postura dos seus integrantes, aínda que esa non é a nosa responsabilidade”, apuntan os populares.

 

Sexa como sexa, na antesala do pleno de investidura o PP identifica que ACIP ten dúas opcións: votar a favor de que Nava Castro sexa a próxima alcaldesa de Ponteareas (incorporándose ao goberno coa oferta xa presentada esta mesma semana) ou, en todo caso, votarse a si mesmo que permita o goberno en minoría.

 

No PP manifestan que “o noso proxecto é a longo prazo porque queremos abordar unha transformación profunda da nosa vila, non vimos a intercambiar tronos. Temos claro que iso non é o que quere a veciñanza”. Ademais, engaden “o momento de tomar a decisión é agora, e para os próximos catro anos, non pensamos en mocións de censura a metade de mandato”.