- Segundo encontro de negociación entre PP e ACIP para intentar chegar a un acordo de goberno, que non cristaliza pola negativa de González Carrera a asumir os resultados das urnas e esixir a alcaldía.
- Os populares non desbotan a lexítima opción de gobernar en minoría o Concello.
Ponteareas, 13 de xuño de 2023. Segunda reunión da rolda de negociacións entre PP e ACIP para intentar dar estabilidade ao concello de Ponteareas ata 2027. Sen embargo, lonxe de asumir os resultados das urnas e de continuar cunha negociación á altura da esixencia política, o grupo de Juan Carlos González mostrouse inflexible e inmobilista rexeitando a proposta realizada polo PP, que oferta a tenencia de alcaldía e concellerías para rubricar o acordo.
Nunha reunión que se prolongou arredor de media hora na sede do Partido Popular, o equipo de Nava Castro volveu a poñer sobre a mesa a intención de chegar a un acordo de estabilidade para a próxima lexislatura pero “de novo ACIP rexeitou seguir dialogando para formar goberno”.
Os populares insistiron en que a vontade de cambio quedou claramente expresada polo pobo nas urnas, e ofreceu a ACIP a oportunidade para respetala.
Nava Castro confía nas opcións de gobernar en coalición, e insta á responsabilidade de ACIP para deixar a un lado os intereses personalistas e antepoñer o ben común da cidadanía. “Hai tempo dabondo para pasar páxina e formar parte dun goberno forte, estable e solvente, en lugar de negarse a chegar a un acordo”.
O PP está sendo coherente. “É o momento de ser responsables”, manifestan desde as filas populares ao remate do segundo encontro cos independentes, sen desbotar a opción real de gobernar en minoría o Concello ata 2027.
