O PP DE PONTEAREAS MANIFESTA A SÚA PERPLEXIDADE POLO CORTE DA LUZ QUE O CENTRO SOCIAL DA VILA ACABA DE SUFRIR POR SUPOSTOS IMPAGOS DO CONCELLO

  • O corte do subministro de ser certo por impagos, nesta dependencia social clave en Ponteareas enténdese como unha “neglixencia gravísima” e deixaría en evidencia a habitual e característica incapacidade de xestión do actual goberno
  • De ser así, o PP de Ponteareas entende que se estaría a facer unha utilización fraudulenta dos fondos públicos, debido a que a Xunta de Galicia trasfire cartos ao Concello para o sostemento do Centro Social e da Residencia Municipal, ao estar trasferidos estes servizos sociais.

Ponteareas,  6 de xuño de 2023. O Concello de Ponteareas, nos últimos días de goberno en funcións da coalición BNG – PSOE, volve deixar en evidencia a súa característica falta de seriedade e a nula capacidade de xestión do goberno. O subministro de luz do Centro Social de Ponteareas foi cortado, tras varias reclamacións por parte da empresa adxudicataria, este martes día 6 de xuño. Dende o Partido Popular, de ser certo que o corte de subministro é por falta de pago, “non entenderíamos como se pode chegar a esta situación límite, cando levan tempo alardeando de xestión municipal mentres non son quen nin de atender ás necesidades máis básicas”.

Esta situación sería gravísima, e deixaría outra clara mostra do abandono total e absoluto  no que se atopa a vila. Permitir chegar a este extremo considérase “unha neglixencia gravísima” nas filas populares e un triste epitafio dun período político que perde apoios da cidadanía e acumula frontes abertas dun goberno que está na rampla de saída.

A situación de ser certa, sería aínda máis grave tendo en conta que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, actual Consellería de Política Social, leva 26 anos transferindo fondos ao Concello de Ponteareas para asumir gastos de xestión e mantemento tanto do Centro Social como da Residencia Municipal, o que queda claro que non se está a facer, á vista desta medida extraordinaria por parte da empresa provedora.

No PP incídese en que de ser certo, “isto sería unha utilización fraudulenta dos fondos públicos en toda regra. Non podemos permitir que os edificios dedicados a fins sociais na nosa vila se atopen neste estado de profundo abandono e que non haxa resposta nin solución a unha situación desta gravidade”.

Nava Castro insta ao goberno en funcións que “dean as explicacións pertinentes á cidadanía e que solucionen de inmediato este problema xerado pola súa deixadez para acabar advertindo que “os veciños e veciñas de Ponteareas, e especialmente os usuarios deste centro, non merecen nin estas condicións nin un grupo de goberno que permita sobrepasar estes límites. Por sorte, isto vai cambiar a partires do próximo día 17 cando este Concello empece a ser xestionado dende a previsión e a responsabilidade política que faltou nos últimos anos”.