- A candidata do Partido Popular foi a líder con máis apoios nas urnas nunha noite na que a cidadanía certificou o seu desexo de “resetear”
- O mandato da lista máis votada é o de conformar goberno e Nava Castro compromete “traballo desde o minuto un para dar estabilidade e unha folla de ruta para o futuro deste concello”
Ponteareas, 28 de maio de 2023.- Nava Castro foi a gañadora absoluta da noite electoral en Ponteareas. A candidata do Partido Popular foi a líder que máis apoios recibiu nas urnas dando unha auténtica volta ao reparto de concelleiros do pleno municipal de cara aos próximos 4 anos. Os 3.759 sufraxios que sumou o proxecto de Castro convértena na lista máis votada cunha vantaxe de 356 sobre o partido que ata o de agora lideraba o goberno local.
“Quero dar as gracias ao equipo e ao conxunto da cidadanía, e comprométome a traballar sen descanso desde o minuto un para dar estabilidade a este concello e para establecer unha folla de ruta que nos permita afrontar o futuro con garantías, estabilidade e para ser referentes”, asegurou a vencedora das eleccións momentos despois de pechar o escrutinio nos colexios electorais.
Pasar de 5 a 7 edís, e converterse na opción favorita da maioría da veciñanza en apenas 3 meses de traballo do novo equipo, acolleuse con euforia na sede do partido, ateigada de voluntarios, simpatizantes e a candidatura ao completo, que celebraron unha vitoria que cambia a configuración municipal de cara aos vindeiros 4 anos e o signo político do Concello despois de 8 anos.
“A cidadanía certificou cos seus votos o seu desexo de “resetear” e cambiar de goberno. Tomo esa confianza como o principal mandato e non descansarei ata que esta vila volva a ocupar o lugar que merece”, apuntou Nava Castro.
Como lista máis votada, o primeiro dos encargos é conformar goberno. Sobre as posibilidades matemáticas e políticas que plantexan os resultados obtidos, Nava Castro dá un paso á fronte e asegura que é momento de pensar en Ponteareas en antepoñer o obxectivo global e non os individuais ou os partidismos. “Confío en que os demais partidos entendan o desexo dos veciños e veciñas, que veñan a poñer solucións e que permitan a gobernabilidade e a estabilidade nos próximos catro anos, que serán fundamentais”.
Neste contexto a propia Nava Castro non pechou a porta a nada, mesmo a gobernar en solitario se non se dan as condicións óptimas para acadar unha maioría absoluta, fixada nos 11 concelleiros. E como colofón, recalcar, que como xa repetiu durante a campaña, Castro dixo que “non marcho, que non teño que marchar. Quedo en Ponteareas”.