A CANDIDATA NAVA CASTRO SALIENTA OS PROGRAMAS ‘XANTAR NA CASA’, ‘AXUDA NO FOGAR’ E O TRANSPORTE SOCIOSANITARIO IMPULSADOS POLA XUNTA DE GALICIA

  • O programa da Xunta, Xantar na Casa é un programa de alimentación saudable para maiores que reciben o menú de toda a semana e só teñen que quentalo
  • Axuda no Fogar é outro programa da Xunta destinado á atención de persoas con problemas de mobilidade na propia casa
  • Ademais dos anteriores, o concello podería contar con transporte que permita ás persoas das parroquias asistir ao centro de saúde

Ponteareas, 23 de marzo de 2023. A candidata á alcaldía, Nava Castro, pon en valor os  programas sociosanitarios impulsados pola Xunta de Galicia e que son un éxito en máis de 200 concellos. Os programas  Xantar na Casa e Axuda no Fogar, así como o transporte sociosanitario son actuacións destinadas a mellorar a calidade de vida dos maiores e persoas dependentes polo que desde o Partido Popular se anima ao concello a que amplíe a súa cobertura.

Actualmente e desde a súa posta en marcha en 2009, co Partido Popular á fronte da alcaldía, o programa ‘Xantar na Casa’ segue a contar a día de  hoxe con 10 beneficiarios, un número que demandan se amplíe ata 40 prazas, xa que este sería o número óptimo por habitantes co que se podería atender a unha parte importante da poboación da vila á que se destina este programa.

Xantar na Casa é un programa que achega menús xa cociñados a máis de 2.000 fogares de 200 concellos de Galicia. A Xunta sufraga a metade do custo do menú semanal, de luns a domingo festivos incluídos e os Concellos apoian cun 25% do custo, o resto, arredor de 1.80 euros por día é o que pagan os beneficiarios que só teñen que quentar o xantar cada día. Isto supón non só unha correcta alimentación das persoas maiores, co que mellora a súa saúde, senón que tamén as persoas encargadas do reparto semanal, realizan funcións como asegurarse de que contan con medicación e ofrecen un pouco de compañía.

Pola súa banda, Axuda no Fogar é un programa dirixido a persoas con autonomía limitada que precisan de axuda no seu fogar, co que se pretende mellorar a calidade de vida e o arraigo xa que non teñen que abandoar o seu entorno e se favorecen as relacións familiares e de veciñanza, prevendo situacións de dependencia ou exclusión social.

Finalmente, o transporte sociosanitario é unha demanda que se fai cada vez máis presente e pretende dotar á vila dun medio de transporte que permita que todos aos veciños e veciñas, independentemente de que residan en parroquias alonxadas do centro urbano poden asistir con facilidade ao seu centro de saúde. Nun concello extenso como é o de Ponteareas, garantir o acceso sinxelo e en tempo aos servizos sanitarios é un dereito polo que o propio concello debe velar de cara aos seus habitantes.

A candidata á alcaldía Nava Castro, defende a participación nestes programas que considera vitais para garantir a calidade de vida dos maiores e as xentes das parroquias.