OS POPULARES PROPOÑEN UN PAQUETE DE MEDIDAS SOCIAIS IMPORTANTE PARA MELLORAR A CONCILIACIÓN FAMILIAR E A ATENCIÓN NA INFANCIA EN PONTEAREAS

  • A actual Escola Infantil de Ponteareas mantén dúas aulas pechadas e non presta servizo a todas as unidades familiares que poderían
  • O Partido Popular considera insuficientes as actuais medidas do goberno local orientadas á conciliación das familias
  • O PP propón a ampliación da actual escola infantil e a construcción dunha nova escola infantil

Ponteareas, 17 de marzo de 2023. O Partido Popular de Ponteareas considera que as medidas postas en marcha polo actual goberno local en materia de conciliación familiar son insuficientes e que é preciso dar un importante paso adiante nesta área.

“Os tempos mudaron e as necesidades das familias tamén. Precisamos máis e mellores servizos para poder conciliar a vida familiar coa laboral, de forma que os cativos e cativas poidan ser atendidos mentres os pais e nais están nos seus postos de traballo” afirma a candidata popular, Nava Castro.

Existen numerosas formas de conciliar e cada unidade familiar, segundo o entorno onde viva ou o seu horario, precisará unhas medidas ou outras.

A forma máis habitual de conciliación en idades de 0 a 3 anos son as escolas infantís. Agora mesmo a de referencia en Ponteareas atópase con dúas aulas pechadas, o que limita o número de nenos e nenas que pode inscribir. “A actual escola infantil de Ponteareas conta con dúas clases do edificio sen servizo”, advirten os populares.

Para abrir estas dúas aulas e poder dar servizo a máis familias, é preciso acometer unha reforma.  “Non é razoable que existan aulas pechadas da escola infantil cando hai familias necesitando ese servizo, precisamos esa reforma xa”.

Nava Castro engadiu que “Ponteareas merece unha escola infantil con capacidade suficiente para dar resposta a todas as solicitudes que requiran praza, para así dar solución ás necesidades reais dos habitantes do noso municipio”. “A nosa idea, – apunta – é construir, a través dos fondos que ofrece a Xunta de Galicia, a ampliación da actual escola infantil e unha nova escola infantil con capacidade suficiente para rebaixar a demanda existente dos nenos e nenas da vila. 

Casas niño e escolas de pais e nais

Por outra banda, e nalgúns casos concretos, os populares propoñen a creación e dinamización das casas niño dende o Concello nalgunha parroquia de ser necesario e insuficiente xa que as parroquias merecen tamén ter os servizos precisos para poder conciliar.

As casas niño son un modelo de atención á infancia de 0 a 3 anos adaptada. O servizo préstase por medio de profesionais autónomos ou cooperativas de traballo asociado e acollen a un máximo de 5 nenos. “Sen dúbida, son unha solución idónea para en caso necesario para algunha das parroquias máis habitadas”, asegura a candidata.

“Por suposto, dende o Partido Popular de Ponteareas defendemos tamén a iniciativa privada, e cremos que dende o Concello debemos crear incentivos e colaborar con elas para complementar e dar servizo ás demandas da nosa poboación” di Nava Castro. Por último, o Partido Popular de Ponteareas aposta por poñer en marcha as denominadas escolas de nais e pais, coa intención de ofrecer formación e cursos aplicables á vida diaria das familias en materia de educación infantil ou sobre os novos problemas que existen como o manexo das redes sociais en adolescentes.