NAVA CASTRO LIDERA UNHA XORNADA PARTICIPATIVA DE RECOLLIDA DE LIXO NA PRAIA FLUVIAL DA FREIXA

  • As Novas Xeracións do Partido Popular poñen en marcha esta iniciativa solidaria e aberta á cidadanía dentro do programa “Libera, unidos contra a basuraleza” de SEO/BirdLife, en alianza con Ecoembes
  • A actividade de coidado medioambiental será este sábado 11 de marzo ás 11:00 horas e as inscricións realizaranse por mail ou por vía telefónica

Ponteareas, 10 de marzo de 2023. A praia fluvial da Freixa e a súa contorna necesitan dunha actuación de limpeza e recollida de lixo urxente. Ante a pasividade do goberno municipal para poñer solución a este problema recorrente, os integrantes das Novas Xeracións do Partido Popular toman a iniciativa de promover unha xornada colaborativa para que sexa a cidadanía a que poña solución ao problema da xa habitual acumulación de plásticos, residuos e voluminosos nun lugar único do noso municipio. O Partido Popular de Ponteareas pide “Basuraleza 0” nos seus ambientes naturais.

Nava Castro, a candidata á alcaldía, será a primeira voluntaria este sábado, día 11 de marzo, a partir das 11:00 horas e convida a toda a cidadanía e ao voluntariado de Ponteareas e doutras localidades a que se sumen a esta iniciativa, totalmente gratuita, solidaria e aberta para que A Freixa recupere a súa esencia.

Os populares máis novos, parte fundamental e activa do equipo da candidatura do PP de cara ao 28 de maio, impulsan este evento social dentro do programa da ONG ambiental máis lonxeva de España, SEO/BirdLife, en alianza con Ecoembes, que leva por título “Libera, unidos contra a basuraleza” e que ten sido un éxito noutros destacados emprazamentos naturais.

Como inscribirse?

A actividade proposta é puramente medioambiental e aberta a todas aquelas persoas que desexen contribuír a manter este espazo natural libre de lixo. Baixo o lema “Limpemos a Freixa”, as persoas interesadas, de todas as idades, poden reservar praza de xeito totalmente gratuíto no teléfono móbil 655 296 576 ou enviando un mail ao seguinte enderezo electrónico: novasxeracionsponteareas@gmail.com.

Recoméndase reservar praza coa maior antelación posible e ir con roupa cómoda.