O PARTIDO POPULAR TRASLADA AO PLENO A PREOCUPACIÓN DE DIVERSOS COLECTIVOS POLO ANTEPROXECTO DE HUMANIZACIÓN

  • O anteproxecto de humanización das rúas proposto polo goberno local non contou coas necesidades dos alfombristas, o que pon en risco a súa elaboración e conservación
  • As alfombras florais están en trámites de ser recoñecidas como Ben de Interese Cultural Inmaterial por Patrimonio
  • As actuacións urbanísticas nesta materia preocupan tamén aos usuarios  do colexio Inmaculada

Ponteareas, 28 de febrero de 2023. O Grupo Municipal do Partido Popular de Ponteareas levou hoxe ao Pleno o malestar e preocupación que o anteproxecto de humanización de rúas lles produce aos alfombristas ao non contar con eles na súa redacción e propoñer actuacións que poñen en risco a elaboración e conservación das mesmas.

Tanto a disposición do mobiliairo urbano prevista como o deseño dos sumidoiros que se reflicten no anteproxecto de humanización afectarían gravemente á elaboración e conservación das alfombras florais, máis aínda en caso de chuvias, situación para a que non hai un plan alternativo.

Desde o Grupo Municipal popular reclaman que se atendan as necesidades dos alfombristas, que traballan por manter unha Festa de Interese Turístico Internacional que está a piques de ser recoñecida, ademais, como Ben de Interese Cultural Inmaterial que conta con máis de 200 anos de tradición.

A ese desinterese polo deseño da humanización das rúas tendo en conta a protección das alfombras do Corpus, súmanse as insuficientes axudas económicas que perciben os alfombristas que incluso se ven na obriga de ter que adiantar os cartos. O Partido Popular de Ponteareas demanda tamén a posta a disposición deste colectivo de locais municipais onde poder levar a cabo os seus labores.

Incerteza no Colexio Inmaculada por falta de información

A preocupación polo anteproxecto de humanización non se reflicte só nos alfombristas senón que chega tamén ás familias usuarias do Colexio Inmaculada que se atopan nunha situación de incerteza ao non seren  informados de como afectará ao seu día a día.

E aínda máis, os propietarios das parcelas cedidas de xeito temporal ao concello para uso como aparcamento disuasorio descoñecen tamén a situación na que se atoparán unha vez se de por concluído o proxecto de humanización.