O PARTIDO POPULAR DE PONTEAREAS INSTA AO CONCELLO A QUE AUMENTE AS SUBVENCIÓNS PARA AS ASOCIACIÓNS DE ALFOMBRISTAS

  • A veciñanza leva anos de descontento ao considerar que o bipartito BNG-PSOE dá as costas a unha tradición clave para a vila como é o Corpus
  • A proposta busca evitar que os alfombristas teñan que facer o adianto económico cada ano, así como que conten con eles para os proxectos de humanización

Ponteareas, 17 de febreiro de 2023. O grupo municipal do Partido Popular reclamará no próximo pleno a reserva dunha partida económica no orzamento deste 2023 para ampliar, como mínimo ata os 15.000€, as subvencións que o Concello outorga ás asociacións de alfombristas, un colectivo fundamental en Ponteareas.

Segundo o principal grupo da oposición, “unha vila como Ponteareas, cunha festa como o Corpus Christi, tan recoñecida gracias á declaración da Festa de Interese Turístico Internacional, non pode verse truncada, ano tras ano, por parte dun goberno local que vive de costas ás asociacións de alfombristas. E son as propias asociacións, non o esquezamos, as que fan posible manter e potenciar esta tradición que é identidade do noso municipio”. Ademais advirten que “a festa está a piques de obter, por parte da Xunta de Galicia, a declaración de Ben de Interere Cultural inmaterial, sen dúbida, todo un orgullo”.

O grupo municipal popular, considera que é imprescindible que desde o Concello se acompase este traballo e se colabore economicamente na medida que merece o Corpus Christi. Entenden que “os 5.000 euros que actualmente se distribúe o bipartito en axudas é totalmente insuficiente” e sinalan que “supón un esforzo económico `ínfimo´ por parte do goberno local fronte a outras administracións, como por exemplo a Xunta, que cada ano aporta 50.000 euros ao Corpus de Ponteareas”. Do mesmo xeito, queren tamén trasladar a reivindicación dos alfombristas para que se lles procuren locais nos que poidan levar a cabo as súas actividades (almacén, preparación de materiais, etc).

Os populares tamén levarán ao pleno a actual colaboración do Concello coas diferentes asociacións do municipio. “Pedimos que se depure e mellore o actual convenio, evitando que sexan os veciños os que teñan que adiantar os cartos cada ano, e tamén que se teñan en conta as súas opinións ante calquera proxecto, como no caso das humanizacións, evitando así danos irremediables na elaboración dos tapices florais”, sinalan dende o grupo municipal.

En síntese, o PP insta ao goberno bipartito a que faga prevalecer o diálogo e o consenso con todas e cada unha das asociacións de alfombristas da vila que, recalcan unha vez máis, “fan posible que continúe unha longa tradición, unha obra colectiva que expresa a cultura popular das xentes de Ponteareas, que ao longo de 200 anos a souberon manter e promover e facela única”.