O PP PECHA O CURSO POLÍTICO EN PONTEAREAS SOLICITANDO UNIDADE E PROCLAMÁNDOSE COMO A ÚNICA ALTERNATIVA REAL AO BIPARTITO PARA 2023

  • Os populares festexaron onte o peche de curso político, despois de cancelar este tipo de encontros durante dous anos debido á pandemia.
  • A portavoz e presidenta Belén Villar estivo arroupada por máis de 240 veciños de Ponteareas e por cargos do PP como Alberto Pazos, Secretario de Organización do PP de Galicia e o alcalde de Porriño, Alejandro Lorenzo.
  • Tamén asistiron os actuais edís e outros de antigas corporacións e os ex alcaldes José Castro, Nava Castro e Salvador G. Solla aos que Villar agradeceu a súa unidade e participación.  

Ponteareas, 1 de agosto de 2022.- O Grupo Municipal do PP celebrou este domingo un xantar popular con máis de 240 asistentes para pechar este curso político e lembrar que todos deben ter a mirada posta nas próximas municipais de 2023. A cita celebrouse no parque Bouza Vella, en Ganade, que Villar citou como exemplo de bo facer “o mantemento que fai aquí a Comunidade de Montes de Areas é o que o bipartito non realiza no resto do noso pobo”.   

Villar lembrou que só unidos poderase vencer ao bipartidismo que Ponteareas leva sufrindo desde hai 7 anos e que supuxo un atraso evidente e manifesto para a Vila do Tea. “ O noso proxecto está aberto a todos. O noso obxectivo é ter unha maioría suficiente para devolver a Ponteareas un Goberno serio e dialogante”. 

Villar agradeceu ás persoas que se uniron nos últimos meses de formacións como ACIP e Cidadáns ao proxecto popular e tamén ás persoas que se afastaron nos últimos anos do PP e agora decidiron volver á que “é a súa casa”. “Grazas de corazón pola vosa valentía e por integrarvos neste proxecto que é o dos veciños, o da nosa terra, Ponteareas”.   

Villar resaltou como prioridades a finalización do saneamento, a recuperación integral da Freixa, voltar abrir Ponteareas equilibrando os dereitos dos peóns e vehículos, o emprego local e desbloqueo de chan industrial, a baixada ou conxelación dos impostos, a recuperación de todos os servizos sociais que o bipartito deixou abandonados: residencia, auditorio, escola infantil, centros culturais, Pardellas, etc, unha alternativa de lecer e cultura para os máis novos e ofreceu un goberno dialogante , fronte aos que agora só practican o monólogo.   

Os populares consideran que son a única alternativa real ao actual bipartito e que a división de voto só vai beneficiar a BNG –PSOE por iso chaman á unidade para desaloxar do consistorio a un bipartito que estivo “máis preocupado en subirse o salario en plena pandemia que en resolver os problemas dos ponteareáns”.