O PP SOLICITA AO ESTADO UNHA PRÓRROGA PARA QUE O CONCELLO DE PONTEAREAS POIDA ADAPTARSE Á NOVA NORMATIVA DE RECOLLIDA DE BIORRESIDUOS

  • Os populares levan ao pleno unha moción para solicitar ao Goberno Central que permita ao Concello de Ponteareas adaptarse á normativa tendo en conta o prazo europeo e non só dous meses como indican desde o Goberno de Sánchez.
  • “A UE permite adaptarse á normativa ata decembro de 2023, mentres que o Goberno Central solicita que se faga nos próximos dous meses, algo inviable para municipios como o noso”.

Ponteareas, 27 de xuño de 2022.- O Grupo Municipal do PP debaterá en pleno o solicitar ao Goberno Central unha prórroga para que Ponteareas poida adaptarse á nova normativa de recollida de biorresiduos marcada pola Unión Europea. Os populares consideran que o artigo 25 da normativa estatal Lei 7/2022 de residuos e chans contaminados para unha economía circular, choca coa normativa europea, xa que establece prazos diferentes.

“Esixe que os municipios de máis de 5.000 habitantes deben ter implantada, antes do 30 de xuño de 2022, a recollida separada dos biorresiduos de orixe doméstica, o famoso contedor marrón. Con todo, Europa establece a data máxima como decembro de 2023, moito máis flexible para que municipios como o noso poidan adaptarse”.

O PP solicita ao Pleno que se posicione en contra desta medida excepcional que o Goberno de Sánchez aprobou e que obriga ao Concello de Ponteareas a adaptarse nos próximos dous meses. “Se nos obrigan a cumprir este prazo e o Concello non o fai, poden sancionarnos económicamente. Esiximos que se cumpra o calendario da UE e que o Concello comece xa a implantar esta medida”.