O PP CHEGARÁ ATA ONDE FAGA FALTA COA SITUACIÓN DOS CENTROS EDUCATIVOS EN PONTEAREAS SE O CONCELLO SEGUE SEN ASUMIR AS SÚAS RESPONSABILIDADES

  • Os populares denuncian que a subvención europea de 200.000 euros recibida en 2020 para a mellora enerxética dos centros CRA (escolas unitarias en Areas, Pías, Ribadetea, Xinzo e Moreira) perdeuse por deixamento de funcións do bipartito.  
  • “Na Xunta de Goberno do 5 de abril de 2021 informábase   claramente que se trataban de obras de “mantemento e conservación” por tanto exentas de permisos ou licenzas urbanísticas especiais. Nin dependían da Xunta nin lles solicitaron o 25% do investimento ata o de agora que perderon a axuda”.  
  • Por outra banda, o Goberno (BNG-PSOE) tampouco ten intención de adaptar a escola infantil á normativa actual. Manterase o peche de dúas aulas, que supoñen 29 prazas menos. Menos prazas para pais de Ponteareas con nenos de 0 a 3 anos, unha diminución de servizos tendo en conta que a Xunta de Galicia agora cobre a gratuidade total tamén do primeiro fillo.  

Ponteareas, 20 de maio de 2022.- O Grupo Municipal do PP acudirá onde faga falta ante o deixamento de funcións existente no Concello de Ponteareas en materia educativa.

“As administracións locais, e así o di a lei, teñen a obrigación de colaborar coa administración autonómica en todo o referente a conservación e mantemento dos centros educativos”, advirten os populares.

“No caso das melloras de eficiencia enerxética, subvencionadas con fondos europeos, é sorprendente que o bipartito en abril de 2021 diga en Xunta de Goberno que estas reformas son competencia municipal por tratarse de conservación e mantemento e que un ano despois, tras perder a axuda por non achegar o 25% do investimento nin xustificar as obras, digan que a culpa é da Xunta de Galicia. Non vimos nunca un goberno con tanta cara e tan pouco preocupados polos servizos locais do noso municipio”.  

O PP lémbralles que se perderon os 200.000 euros é pola súa nefasta xestión e que aínda poden recorrer ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para liquidar este revés. “A Deputación concédelles un millón de euros cada ano. Esixímoslles que destinen unha partida dese diñeiro a estes proxectos para as unitarias e tamén á adaptación das aulas da escola infantil. Que deixen a confrontación política coa Xunta e resolvan os problemas reais dos veciños de Ponteareas”.