BELÉN VILLAR INICIA UNHA ROLDA DE CONTACTOS COS DIRECTIVOS DOS CENTROS DE INFANTIL E PRIMARIA PARA COÑECER AS SÚAS NECESIDADES E TRASLADALAS AO CONCELLO E Á XUNTA DE GALICIA

  •  Os populares, do mesmo xeito que fixeron no ámbito sanitario, queren coñecer de primeira man as necesidades de cada CEIP, polo que se reuniron coas direccións dos colexios Feliciano Barreira en Guláns, a dirección do Fermín Bouza Brey, Ramiro Sabell e da nosa Señora dos Remedios.
  • “Tras estas reunións nas que xurdiron moitas cuestións, solicitei unha reunión co Secretario Xeral de Educación, Manuel Vila, para comunicarlle temas relacionados co servizo de comedor e con pequenas actuacións que hai que acometer para mellorar os centros”.
  • Os populares continuarán estas reunións e trasladarán as reivindicacións dos colexios ás partes implicadas, Xunta e Concello. “O Concello tamén recibirá unha solicitude pola nosa banda en referencia a mantementos e aos servizos de limpeza”.

Ponteareas, 6 de maio de 2022.- O Grupo Municipal do PP iniciou unha rolda de contactos coas direccións dos colexios de infantil e primaria da vila do Tea. A portavoz local, Belén Villar, mantivo reunións cos directores do colexio Feliciano Barreira, do Fermín Bouza Brey, do Ramiro Sabell e do da nosa Señora dos Remedios e seguirá visitando o resto de centros a próxima semana.

Os populares queren incorporar ao seu modelo de traballo de oposición últil aquelas reivindicacións máis urxentes que teñan os centros, do mesmo xeito que fixeron co ámbito sanitario, de forma que se poida mellorar os colexios e a atención nos mesmos.

“En xeral atopámonos con direccións moi agradecidas coa situación actual. No centro A nosa Señora dos Remedios lembremos que a Xunta de Galicia hai pouco que realizou a cuberta do patio infantil que viñan anos demandando, e no centro Fermín Bouza Brey unha obra de gran calado ao cambiarse a cuberta do edificio principal e ximnasio. Con todo, xurdiron outros temas referentes ao servizo de biblioteca, comedor, ao de limpeza, a recollida de pluviais, accesibilidade ou deficiencias coa calefacción que se deben liquidar. Non esquezamos que falamos de edificios con máis de 30 anos e que requiren de mantementos e adaptacións a materiais actuais que melloren o illamento e posibles filtracións”.

Os populares agradecen a atención recibida por parte das direccións e comprometéronse con eles a liquidar os problemas tratados mediante solicitudes á Xunta de Galicia e Concello.

“Solicitei unha reunión co Secretario Xeral, Manuel Vila, para tratar de liquidar algunhas cuestións, por outra banda e nos asuntos que dependan do Concello presentaremos mocións ao pleno para tratar de arranxar os problemas existentes” explicou a portavoz Belén Villar.