O PP ESIXE AO BIPARTITO QUE ACELERE O TRÁMITE PARA POÑER AO DISPOR DA XUNTA O TERREO PARA O NOVO CENTRO DE SAÚDE XA QUE SERÁ NECESARIO MODIFICAR FICHAS DO PXOM

  • Os populares reuníronse co conselleiro de Sanidade, Julio García, para agradecerlle a súa gran aposta para mellorar a asistencia sanitaria na vila do Tea.  
  • O PP lamenta que non se tiveron en conta no PXOM, recentemente aprobado, as necesidades reais do municipio e agora “non existan parcelas dotacionais que poidan albergar, por exemplo, un centro de saúde”.  
  • O PP advirte que “sexa cal for a parcela elixida, o Goberno local terá que facer unha modificación puntual da ficha da parcela ou do PXOM. Esiximos que non dilaten máis este tema e presenten a proposta formal á Consellería de Sanidade para iniciar o proceso”.    

Ponteareas, 3 de maio de 2022.- O Grupo Municipal do PP mantivo unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para agradecer o seu traballo polo reforzo da asistencia sanitaria en Ponteareas.  

“Nos últimos meses ademais de varias reformas no actual centro de Saúde, conseguiuse unha nova área de saúde mental, máis persoal (administrativos, enfermeiros, matrona, etc) e tamén que se oferten tres prazas de facultativos especialistas en Atención Primaria, o que desconxestionará o atasco existente”, explicou a portavoz popular Belén Villar.  

O conselleiro manifestou que a portavoz local sempre defendeu os dereitos dos seus veciños por encima de todo, “foi a primeira en solicitarme o novo Centro de Saúde e tamén en pedirnos que tivésemos en conta a Ponteareas co reforzo de persoal e as prazas de facultativos especialistas en Atención Primaria”. Ademais, García Comesaña lamentou que BNG e PSOE non votasen a favor destas iniciativas e non se posicionasen a favor de que viñesen para Ponteareas estes tres novos médicos, por cuestións políticas cando benefician a asistencia prestada a todos os veciños do Condado-Paradanta. “Cando recibín a primeira moción do Goberno Local para esixir un novo centro de saúde ou reparación do actual, a infraestrutura xa se anunciou e estaba decidida dita investimento por parte da Xunta de Galicia. Agora só esperamos recibir pronto a proposta de localización definitiva para o novo centro de Saúde de Ponteareas e poder facelo realidade”.  

Pola súa banda, o PP local, denunciou unha vez máis que segue sen recibir informes sobre as diferentes parcelas que baralla o bipartito BNG-PSOE , anuncian unhas e outras sen diálogo coa oposición e axentes sociais, para situar o novo centro de saúde de Ponteareas.  

Con todo, os populares a pesar de descoñecer a proposta definitiva do Goberno local, advirten que no PXOM, recentemente aprobado, non existen parcelas dotacionais sanitaris coas características necesarias para albergar este servizo.

“Polo que se ve nin BNG nin PSOE consideraron necesario un novo Centro de Saúde no noso pobo. Agora haberá que facer unha modificación puntual da ficha da parcela que se elixa, ou o do propio PXOM, que fai menos de seis meses que se aprobou”.