O PP SOLICITA Á XUNTA QUE CRE URXENTEMENTE PRAZAS DE FACULTATIVO ESPECIALISTA EN ATENCIÓN PRIMARIA PARA PONTEAREAS

  • B. Villar: “Solicitamos que se cre esta nova categoría para desatascar a Atención Primaria que está saturada desde a chegada da COVID-19 e mentres o Goberno de España non permita a contratación dun maior número de médicos de familia”.
  • “Na nosa moción tamén instamos o Goberno de España a eliminar as limitacións na taxa de reposición de persoal sanitario, a proceder á convocatoria extraordinaria de prazas MIR de medicina de familia ou resolver positivamente a solicitude da Xunta de incorporar a 65 facultativos na próxima convocatoria”.

Ponteareas, 22 de marzo de 2022.- O Grupo Municipal do PP esixe, mediante moción ao pleno, que a Xunta de Galicia cre urxentemente prazas de facultativo especialista en Atención Primaria para o Centro de Saúde de Ponteareas, de forma que se poida desatascar a situación de colapso existente desde a chegada do COVID-19 e ante a negativa do Goberno de España de non convocar un MIR extraordinario para ampliar os facultativos médicos de familia.

Os populares esixen á administración autonómica que de forma urxente habiliten esta nova categoría e adxudiquen varias prazas ao Centro de Saúde de Ponteareas, que se atopa con numerosas baixas e falta de persoal debido ao colapso que produciu a pandemia.

“Sabemos que desde a Consellería de Sanidade están a realizarse esforzos para desatascar a situación. Somos coñecedores de que se están poñendo en marcha plans para paliar a falta de médicos de familia que existe en todo o territorio debido á pouca flexibilidade do sistema de acreditación de prazas de formación na especialidade de medicina familiar e comunitaria e debido á limitación na taxa de reposición de persoal sanitario que mantén o Goberno de España. Por todo iso, coñecedores de que esta situación está a valorarse, esiximos á Xunta que destine facultativos a concellos como Ponteareas, que ten problemas nesta materia, queremos adiantarnos e solicitarlles que teña en conta a nosa situación e destinen persoal especialista en Atención Primaria no noso municipio”.