O PP SOLICITA AMPLIAR AS PARTIDAS ORZAMENTARIAS PARA GASTO SOCIAL E UNHA BAIXADA NOS IMPOSTO DO LIXO E DA RODAXE

  • Consideran que non debe perderse a xestión da Estación de Autobuses, polo que emendan o documento para que se cumpra o compromiso adquirido de financiar o 50% da mellora do edificio.
  • Os populares solicitan tamén máis investimento para asfaltados e que non se rompa o convenio coa protectora de “Os  Biosbardos”

Ponteareas, 16 de marzo de 2022.- O Grupo Municipal do PP presentou as súas emendas aos orzamentos, tras ser aclarada pola Interventora municipal o requirimento efectuado polo Ministerio de Facenda en relación á demora do pago de facturas por parte do  Concello a provedores.

O PP lamenta o recorte que se produce en servizos sociais, xa que o diñeiro destinado para o centro municipal de reparto de alimentos e para as axudas de emerxencia social redúcese en 110.000 euros, algo que os populares consideran un grave erro. En relación ao servizo de axuda no fogar tamén sofre un lixeiro descenso en relación a 2021, a pesar de que existe lista de espera e que o persoal destinado non dá abasto cos usuarios existentes. En ambas partidas o PP propón unha ampliación do diñeiro destinado para cubrir a máis usuarios e ampliar o persoal.  Os populares tamén solicitan dúas novas prazas para persoal de asprodico. A residencia de maiores e o centro de día tamén reciben un recorte, inxustificado, que afecta directamente ao persoal existente. Os populares esixen todo o contrario, que se invista na área social e se creen novas prazas de especialidades como fisioterapeuta, educador social ou auxiliar de clínica.

Os populares solicitan que se amplíen as partidas destinadas a protección civil e bombeiros, por contar actualmente cun número de efectivos baixo. Non se destina ningunha partida para proxectos forestais nin defensa contra incendios, para o que os populares solicitan polo menos 40.000 euros. A Freixa queda tamén nun segundo plano, desde o PP propoñen unha partida de 50.000 euros para a súa recuperación e dotala de persoal que fagan un mantemento diario da zona. Elimínase o convenio coa porotectora de animais “Os  Biosbardos”, co que o PP non está de acordo e solicita que se manteña a colaboración. Tamén esixen que se cumpra o acordo plenario en relación ao sector do taxi e amortícense as licenzas concedidas, cunha cantidade de 50.000 euros. En relación á estación de autobuses, os populares manifestan que é necesario cumprir co convenio apalabrado no que o Concello achega o 50% do investimento para a reforma do edificio tal e como se comprometeu fai catro meses.

En relación á pavimentación, conservación e mantemento de vías públicas os populares consideran que se pode facer un esforzo maior e non reducir este apartado como propón o bipartito. «Temos un rede viaria en pésimas condicións. Non poden reducir este capítulo». Tamén recortan a axuda a colectivos para obras comunitarias, deixando unha partida de 8.000 euros, solicitamos que se incremente ata 20.000 euros reducindo gastos en publicidade. En materia de abastecemento e saneamento para subvencións ás traídas de augas, solicitamos que se manteñan os 150.000 euros e non se recorte esta partida xa que hai demanda e moitas asociacións quedan fóra por falta de crédito. No referente á iluminación pública incídese na falta de persoal, que está baixo mínimos, polo que se solicita maior orzamento para a creación de polo menos dúas novas prazas e que se cubran as existentes. Parques e xardíns, proponse unha partida de 50.000 euros para a creación dunha brigada específica de mantemento”.

Outro capítulo que consideran os populares que debe manterse é o destinado ao fomento do emprego, que o documento presentado polo bipartito elimina. En materia de Educación solicitan reservar os 325.000 euros necesarios para solucionar o problema da escola infantil e 300.000 euros para a cuberta do auditorio, ampliar o diñeiro destinado para axudas de libro de texto xa que existe unha gran demanda e ampliar as axudas a centros culturais, ao Coro Cantemos, á Fundación  Reveriano Soutullo  e á Asociación de  Alfombristas de Ponteareas, para a que o goberno destina 5.000 euros e o PP propón polo menos 15.000 euros.

Por último os populares solicitan ampliar as axudas destinadas ao deporte, en especial ao de base, ampliar o mantemento en Castro de Troña e axudas directas ao comercio. Todo iso reducindo gastos en publicidade e a través do Plan  Concellos da Deputación de Pontevedra así como unha redución no gasto do salario e concellerías con dedicación exclusiva que no último ano incrementáronse nun 90%. Baixada de impostos locais, como o recibo do lixo a través da bonificación de Sogama e un descenso tamén no imposto de rodaxe.