- Os populares fixeron balance do último ano no que confirman unha débeda de máis de 14 millóns de euros.
- Belén Villar : “Neste 2021 tivemos un bipartito con cero diálogo o que derivou un máis crispación. Apostaron polo caos no casco urbano e por abandonar as parroquias”.
Ponteareas, 19 de xaneiro de 2022.- O Grupo Municipal do PP, a través da súa portavoz e presidenta local, Belén Villar, fixo balance do traballo do goberno bipartito neste 2021, cualificando o ano como nefasto para as relacións institucionais entre goberno e veciños.
Os populares consideran que hai unha clara falta de diálogo dos actuais responsables locais cos ponteareáns. “Ninguén esquece a revolta ocasionada coa localización da caldeira de biomasa e as súas chemineas de 18 metros nunha zona que estaba prevista para ampliar o Centro de Día e a Residencia”.
Ademais desde o PP tamén se fixo referencia á falta de consenso co actual plan de tráfico e peonalización de rúas, que provocaron malestar entre veciños e autónomos da zona, convocando no mes de decembro unha protesta á que acudiron máis de 600 persoas.
Outro punto destacado polos populares foi a falta de investimentos e decadencia dos existentes. “Seguimos con cero infraestruturas novas. Non sabemos nada das melloras da N-120, nin da variante nin de ningunha outra infraestrutura. Os servizos existentes que deixaron outros gobernos téñenos con falta de mantemento ou con problemas sen resolver desde que entraron ao Goberno en 2015. Así, os ponteareáns non poden gozar do Auditorio por perigo de derrube, non poden facer uso das 29 prazas da gardería infantil por non executar as obras necesarias e non falemos xa do estado da Residencia de Maiores”, denunciaron os populares. “Non só non coidan os edificios que recibiron senón que en todos estes anos non foron capaces de poñer un novo servizo en marcha. As obras de saneamento, que tanto esixían desde a oposición, non están nin se esperan. A nova depuradora só se converteu en palabras, este 2021 cero metros de novo saneamento”.
O PP reflexionou tamén sobre o paradoxo de que a pesar de que todos os servizos víronse mermados, a recadación aumentou considerablemente.
“Este pasado ano bateuse o récord de sancións de tráfico e de recadación de impostos. Con todo, ao bipartito seguen sen cadrarlle os números, xa que só este 2021 adquiriron compromisos de préstamos por valor de 10 millóns de euros, supoñemos que entre outra cousas para pagar o aumento de salario de todos os concelleiros de goberno levado a cabo este ano, coa ampliación do números de dedicacións e da retribución da actual alcaldesa nacionalista.
Por último, os populares consideran que as parroquias seguen abandonadas e que o investimento se realizou só no centro urbano dunha forma desordenada e sen planificación, o que crispou a convivencia entre veciños.
“O PXOM aprobado este ano soluciona moitos problemas urbanístico pero xera outros novos como a limitación do crecemento no rural ou a falta de chan industrial, xa que non se contemplou nada. Tampouco se actualizaron as licenzas outorgadas nos últimos anos, polo que moitas vivendas quedan fóra de ordenación”.
Os populares terminaron a comparecencia desexando que Ponteareas empece a espertar deste mal soño para que en 2023 poidan recuperar a confianza dos veciños, “non só dos que están desencantados con este goberno bipartito senón con aqueles que deixaron de ver aos políticos como un instrumento necesario e de servizo aos demais. Temos que volver ilusionar e devolver a luz e o esplendor a Ponteareas” puntualizou a portavoz e presidenta Belén Villar.