O PP SOLICITA RESPECTO CARA ÁS PERSOAS QUE SE MANIFESTARON ONTE ÁS QUE ROBERTO MERA CUALIFICOU DE IGNORANTES NUN ARTIGO DE OPINIÓN

  •  “Ademais de diálogo reclamamos respecto cara ás persoas que están a reclamar solucións para o comercio e a hostalería local”.
  • Non pode ser que tantas persoas esteamos equivocadas, o bipartito BNG-PSOE ten que facer unha reflexión e un cambio nas súas políticas.   

Ponteareas, 17 de decembro 2021.- O Grupo Municipal do PP de Ponteareas solicita respecto cara a todas as persoas que se manifestaron onte no centro de Ponteareas, máis de 600 veciños, reclamando ao goberno local BNG-PSOE diálogo e solucións ante os problemas xerados pola falta de planificación coas humanizacións, peonalizacións, cambios de sentido e a falta de diálogo.

“Non entendemos a actitude do concelleiro nacionalista Roberto Mera, que no canto de recoñecer os erros e achegar solucións, prefire tachar de “ignorantes” nun artigo de opinión a todas as persoas que onte acudían á concentración e manifestaron a súa opinión sobre a falta de diálogo e os problemas que xeraron as novas peonalizacións. Non só eran comerciantes senón veciños que residen nestas zonas e que viron como a súa calidade de vida empeorou no último ano. A falta de seguridade tamén foi unha queixa xeneralizada”.

Os populares de Ponteareas chaman ao diálogo urxente ante a extraordinaria convocatoria de onte realizada polos Comerciantes da vila do Tea e veciños de Ponteareas, “levamos meses denunciando que non deixasen tirados ao sector xa que a campaña do Nadal é moi importante para eles, ao final non foron capaces de finalizar as obras e terán que ver como seguen perdendo beneficios”.