O PP SOLICITA CREAR UNHA MESA DE DIÁLOGO PARA DECIDIR A LOCALIZACIÓN MÁIS IDÓNEA PARA O NOVO CENTRO DE SAÚDE QUE EXPÓN A XUNTA DE GALICIA

  • “Cremos que dentro do PXOM hai algunha que outra limitación, pola clasificación dos chans, pero entre todos os representantes políticos deberiamos propoñernos buscar a mellor localización e sometela a votación”.   

 Ponteareas, 11 de decembro de 2021.- O Grupo Municipal do PP solicita a creación dunha mesa de diálogo para debater e acordar a posible localización do novo centro de Saúde que a Xunta de Galicia comprometeu para Ponteareas.

“Nun servizo que se vai instalar aí e que vai condicionar a atención sanitaria da menos os próximos 50 anos, non podemos cometer os mesmos erros de outrora. Debemos situalo nun lugar no que se garantan as comodidades, a accesibilidade, o aparcamento, o futuro crecemento posible da instalación e outras cuestións de proximidade que poidan ser interesantes ter en conta dado que ofrece servizo á comarca do Condado-Paradanta”.

 O PP solicita por tanto diálogo, para entre todos os representantes políticos e sociais, debater cal sería o mellor emprazamento para este novo servizo que acaba de comunicar a Consellería de Sanidade.