O PP SOLICITA QUE SE FINALICEN XA AS OBRAS DE PRAZA DE BUGALLAL PARA NON PREXUDICAR AO COMERCIO NA TEMPADA DO NADAL

  • Os populares non entenden porque esta obra leva tanto atraso, “iniciárona hai máis de 14 meses e xa conta con varios modificados que a encareceron ata os 700.000 euros”.
  • Os populares nunca estiveron de acordo con esta actuación debido á falta de previsión de prazas de aparcamento e aos materiais que o bipartito decidiu utilizar, por exemplo formigón en lugar de pedra.

Ponteareas, 28 de outubro de 2021.- O Grupo Municipal do PP solicita a finalización urxente das obras de Praza Bugallal para que os comerciantes e hostalería da zona non vexan afectados os seus negocios na época de compras e vacacións de Nadal  

“Levan 14 meses sufrindo as obras desta actuación que non fai máis que atrasarse e encarecerse día tras día. É unha remodelación coa que o noso grupo e veciños residentes na zona nunca estivemos de acordo. Primeiramente porque non aproveitaron a reforma para contemplar un aparcamento soterrado, tan necesario na malla do noso centro urbano, e segundo porque decidiron romper a estética da contorna tanto co deseño como coa calidade dos materiais seleccionados, utilizando formigón en lugar dun pavimento en pedra”, explicaron os populares.  

O PP solicita que as obras finalicen na primeira metade do mes de novembro para non prexudicar aos negocios da contorna que ven o Nadal como un repunte de ingresos ante 14 meses de moitas complicacións xeradas pola COVID e a multitude de obras na zona. “Non se merecen este castigo. As obras son molestas para todos pero non é de recibo que tarden tanto en facer esta reforma”.