O BIPARTITO INCREMENTOU A RECADACIÓN POR MULTAS DE TRÁFICO NO ANO DE PANDEMIA 2020

  • A pesar das restricións e do Estado de Alarma a recadación por sancións por tráfico volve incrementarse en relación ao ano 2019.
  • “No exercicio 2019 recadáronse 145.000 euros en sancións, nas contas de 2020 declaran máis de 158.000 euros”.
  • Os populares solicitarán que o diñeiro recadado por sancións de tráfico e executiva invístase en axudas ao comercio e á hostalería local.

Ponteareas, 1 de setembro de 2021.- O Grupo Municipal do PP está a analizar o documento de contas 2020 presentado polo bipartito e que irá a aprobación inicial mañá xoves, 2 de setembro, para posteriormente ser levado a pleno.

No mesmo, o bipartito recoñece un novo aumento da recadación por sancións de tráfico. “Nos ingresos aparecen 158.199 euros recadados o que supón un 10% máis que no ano 2019”, explica a portavoz popular Belén Villar.

O PP non entende como puido aumentar a recadación xa que o 2020 foi o ano de inicio da pandemia, no cal sufrimos un Estado de Alarma e múltiples restricións de mobilidade. “Por buscar unha explicación supoñemos que é debido á falta de aparcamentos. Puxéronse a humanizar sen dar solución á falta de aparcadoiro e entendemos que o aumento pode ser debido a iso”.

Os populares solicitarán que tanto esta recadación como a executiva sexa destinada a axudas para o comercio e hostalería local tan golpeadas pola situación derivada da Covid-19.