PONTEAREAS TERÁ QUE PECHAR DÚAS AULAS DA SÚA ESCOLA INFANTIL POLO DEIXAMENTO DO BIPARTITO

  • “O Goberno local (BNG-PSOE) segue sen executar o proxecto de 2019, que conta co visto e prace da Xunta, para adecuar a Escola Infantil á normativa vixente”.
  • “A Comisión de Investigación que anunciaron hai meses aos catro ventos para esta cuestión, nin sequera reuniuse, son uns incompetentes absolutos”.

Ponteareas, 26 de agosto de 2021.- O Grupo Municipal do PP advirte que ás portas dun novo inicio de curso escolar, o goberno bipartito non moveu nin un só papel para licitar as obras e solucionar o problema da Escola Infantil de Ponteareas.

Desde a Xunta de Galicia advertiuse en reiteradas ocasións ao Goberno (BNG-PSOE) que de non adecuar o centro á normativa vixente, executando o proxecto de 2019 que conta co visto e prace da administración autonómica, veranse obrigados a cumprir a lei e facer efectivo o peche de polo menos dúas aulas.

“O prexuízo que está a ocasionar este Goberno ante a súa inacción local é moi grave. Temos unha escola infantil mermada, un auditorio municipal pechado baixo sete chaves, unha residencia de maiores que parece que non cumpre a normativa para atender ás persoas que alí están a acudir. En definitiva, temos un Goberno que está máis preocupado por saír coa pancarta que por solucionar os problemas dos ponteareáns”.

O Grupo Municipal do PP lamenta a dobre vara de medir do BNG neste sentido que non dubidou en gastar fondos públicos para loitar contra o peche da unitaria de San Mateo, a cal non tiña demanda, e agora queda de brazos cruzados ante o peche de dúas aulas de infantil, o que supón perder 29 prazas para educación pública de nenos de 0-3 anos.

“Aquí vemos a realidade das súas políticas. Na Unitaria de San Mateo non había demanda, motivo que propiciou o peche, saíron con pancartas e autobuses financiados polo noso consistorio para facer unha suposta defensa, agora deciden non executar as obras na Escola Infantil e están a esperar a que se produza o peche para volver á pancarta. Este Goberno bipartito ten moi pouco respecto polos dereitos dos ponteareáns entre eles os da educación pública e servizos sociais”.

Os populares urxen unha solución á Escola Infantil con licitación urxente para acometer as obras requiridas en 2015, 2016 e 2018 e evitar así a perda destas prazas. “O proxecto ten o visto e prace desde o ano 2019, por que non o executan? Non é unha prioridade para eles?, pregúntanse desde o PP.