O PP SOLICITA Á ALCALDESA DE PONTEAREAS QUE PIDA DESCULPAS PÚBLICAS POR XERAR UNHA ALARMA SOCIAL CON INFORMACIÓN FALSA

  • Villar: “É falso que se peche a quenda de tarde de Atención Primaria. Os propios responsables do SERGAS e do Centro de Saúde informaron á alcaldesa da nova organización por período vacacional. Mantense a quenda de tarde pero priorizando sempre que sexa posible o de mañá”.  
  • “Nos últimos dous anos incrementouse nun 10% o persoal do Centro de Saúde de Ponteareas, non é suficiente, pero falar de recortes é enganar aos veciños”. 

Ponteareas, 11 de agosto de 2021.- O Grupo Municipal do PP lamenta a falta de escrúpulos da alcaldesa Cristina Fernández, que na súa folla de roteiro de confrontar co PP e a Xunta de Galicia, non dubidou en trasladar información falsa sobre a xestión e atención primaria do Centro de Saúde de Ponteareas,  

A presidenta local, Belén Villar, comezou a intervención recoñecendo o colapso do sistema en Atención Primaria.

“É un mal endémico, hai falta de médicos e enfermeiros porque non existen listas para contratar. Pero isto sucede en Galicia e no resto de España. Na nosa comunidade, o presidente Feijóo leva desde o ano 2019 solicitando ao Goberno de España convocatorias extraordinarias de MIR e que se cre a categoría profesional específica de persoal de urxencias para desatascar esta Atención Primaria. Estamos en período vacacional, en plena quinta onda e proceso de vacinación, é hora de arrimar o ombreiro e deixar de boicotear, está a facerse un esforzo por parte de todos” explicou a popular.  

 Villar non comparte a actitude da alcaldesa que hai uns días declaraba estar ao dispor da Xunta para mellorar a Sanidade e agora, alarma á sociedade con información falsa, convoca unha manifestación e promove unha Plataforma que vai en contra da administración autonómica. “Se isto é colaborar, temos conceptos diferentes do significado desa palabra”, ironizou a portavoz.  

 Os populares agradeceron o esforzo que o SERGAS, a Consellería e a Xunta vén realizando en concreto no municipio de Ponteareas.

“En Ponteareas é falso que se recortou. Nos últimos dous anos incorporáronse novos profesionais. Agora mesmo hai dous médicos na quenda de tarde pasando cita, é algo temporal, ata o 15 de setembro. Hai que lembrar que o noso Centro de Saúde ten máis de 55 profesionais, 14 médicos de familia, 3 pediatras ou médicos habilitados para atender Pediatría, 1 médico residente, 16 enfermeiros, 3 auxiliares de enfermería, 3 matronas, 1 dentista, 2 higienista bucondentales, 1 farmacéutica, 3 fisioterapeutas, 1 traballadora social, 8 administrativos e un novo médico que se vai a incorporar en setembro. Nos últimos dous anos, en plena pandemia, incrementouse o persoal en máis dun 10%, polo que non se pode falar de recortes”.  

A propia Consellería tivo que enviar un comunicado desmentindo á alcaldesa de Ponteareas, “non se pecha o centro de Saúde, existe unha reorganización asistencial, todos os anos en período vacacional sucede isto e este ano agrávase xa que seguimos en pandemia, estamos #ante unha quinta onda de COVID, cribados e proceso de vacinación. Esta reorganización é algo temporal e está acordada con todos os facultativos e responsables do Centro de Saúde. Séguese atendiento tanto en horario de mañá e de tarde, con menos persoal, porque hai que dar descanso aos profesionais”.  

Os populares tamén aclararon que a maiores do persoal do Centro de Saúde está o PAC ou Servizo de Urxencias que ten 9 médicos e 7 enfermeiros, que atenden de forma separada cunha estrutura organizativa diferente.   Os populares solicitan á alcaldesa que pida desculpas públicas polo engano, “Cristina Fernández foi informada de todo isto. Desde a Xerencia explicóuselle esta situación, ela coñecía todo en detalle e non é de xustiza que no canto de informar optase por desinformar, unha persoa que representa a todos os veciños”.  

A portavoz popular foi moi crítica coa rexedora Cristina Fernández da que dixo que a única Defensa da Sanidade que se lle atribúe ata día de hoxe a este Goberno local é suprimir centos de prazas de aparcamento na contorna do Centro de Saúde, imposibilitando un bo acceso aos veciños que alí acoden.

“O seu mérito e solucións propostas ata o día de hoxe son eliminar centos de prazas de aparcamento e convocar unha manifestación baseada en información falsa. Non vimos tan preocupada á alcaldesa pola subida da luz que estamos a pagar todos os veciños de Ponteareas ou polo roubo dos 27 millóns de euros para a Variante e mellora da N-120, aí non quixo liderar ningunha plataforma. Fernández, máis política social e menos alarma social. Se así é como van defender a Sanidade Pública, con mentiras, que non conten connosco”, apostilou Villar.  

Os populares denunciaron tamén o uso continuado e partidista que vén facendo dos medios institucionais “Unha vez máis utilizan a web e as redes sociais do Concello para desinformar, alarmar á poboación e conseguir rédito electoral. É moi grave”.