PONTEAREAS SOLICITA UN NOVO PRÉSTAMO DE 1,1 MILLÓN DE EUROS A DEVOLVER EN 15 ANOS

  • O Concello de Ponteareas supera xa os 5 millóns de euros en débeda contraída con administracións e entidades bancarias.

Ponteareas, 18 de xuño de 2021.- O Grupo Municipal do PP lamenta as erróneas decisións que está a tomar a nova alcaldesa, Cristina Fernández que, despois de decidir unha subida salarial coa ampliación de dúas dedicacións, agora presenta a firma dun novo crédito por valor de 1,1 millón de euros.

O PP contrario á política do malgasto e o endebedamento móstrase en contra de seguir endebedando e hipotecando a corporacións futuras. “Parécenos unha irresponsabilidade absoluta. Teñen adquirido un crédito de 1,2 millóns coa Xunta de Galicia, 451.000 euros coa Deputación, 3,5 millóns con entidades bancarias. Estamos a falar de préstamos por valor de máis de 5 millóns de euros, que van marcar o ritmo e investimento de corporacións futuras, durante o próximos quince anos”, critican os populares.

O PP lémbralle ao bipartito que en 2011 e ata 2016 o Concello de Ponteareas tivo que pagar a irresponsabilidade doutros gobernos que practicaron a política do malgasto “estivemos a piques de ser intervidos” e que as políticas que están a aplicar en materia económica-financeira van ter o mesmo desenlace. “Non hai ningún control sobre os ingresos e os gastos. Deben diñeiro de complementos a traballadores locais e sóbense os soldos. Anuncian grandes obras e non teñen diñeiro para ese investimento, non pairan de malgastar e ímolos a pagar todos”.