PONTEAREAS PECHA AS CONTAS DE 2020 CON EVOLUCIÓN NEGATIVA DO AFORRO COMPLICANDO MÁIS A SITUACIÓN FINANCEIRA

  • O PP lamenta que ano tras ano os datos evidencien unha tendencia ao malgasto e ao descontrol financeiro.
  • “Está a tirarse pola borda todo o esforzo realizado co Plan de Axuste iniciado no 2014 polo PP e que finalizou no ano 2017”.

 Ponteareas, 14 de maio de 2021.- O Grupo Municipal do PP denuncia que a liquidación das contas do ano 2020 reflicten unha evolución negativa dos aforros e unha situación financeira cada vez máis complicada.

“Co peche do exercicio 2020, un ano máis queda demostrado que a tendencia positiva de recuperación en materia de saneamento económico, iniciado en 2014 polo PP, deu un xiro de cento oitenta graos. O bipartito está instaurado no malgasto e non está a facer unha boa xestión, o que lles levou a consumir todos os aforros que se xeraron”, critican os populares.

O PP esixe ao bipartito que fagan caso á Interventora Municipal a cal no informe solicita e recomenda un “plan de redución de gasto”.

“Non cumpren coa Regra de Gasto e tampouco coa Estabilidade Orzamentaria. Gastaron 2,2 millóns de euros por encima do que o noso Concello pódese permitir. Por primeira vez en varios anos, o Remanente de Tesourería volve estar en valores negativos, o que significa que hai moitos máis gastos que ingresos. Esta situación derivará na solicitude de máis créditos para poder facer fronte a estas débedas”

Ademais o PP lémbralle ao Goberno local que é necesario que afloren as facturas que teñen ocultas, sen contabilizar, para poder ser conscientes da situación financeira real, sen maquillaxes, e así poder atallar o problema. «Descoñecemos a débeda real porque teñen facturas escondidas nos caixóns, ingresos contabilizados que non son reais… é un descontrol”.