A XUNTA CONVOCA AOS PROPIETARIOS DOS TERREOS NECESARIOS PARA ACOMETER AS MELLORAS DA ESTRADA PO-403 (ANGOARES)

  • O levantamento de actas previas levarase a cabo o vindeiro 17 de xuño no salón de plenos da Casa do Concello, entre as 10 e as 14 horas.

Ponteareas, a 6 de maio de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convoca nos meses de xuño e de setembro ao propietarios dos terreos necesarios para executar as obras de mellora da seguridade viaria no treito de concentración de accidentes da estrada PO-403 ao seu paso polo concello de Ponteareas.

O levantamento de actas previas levarase a cabo o vindeiro 17 de xuño no salón de plenos da Casa do Concello de Ponteareas, entre as 10 e as 14 horas. A formalización das actas de ocupación terá lugar o 23 de setembro, no mesmo lugar e con igual horario. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: http://xurl.es/vs0v2.

O orzamento destinado polo Goberno galego a este proxecto rolda os 650.000 euros, nos que se inclúen os preto de 61.000 euros para o pagamento das expropiacións dos 24 predios necesarios para executar esta actuación. 

Esta intervención enmárcase na estratexia da Xunta para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica.

Os traballos comprenden un tramo de 1,6 quilómetros de lonxitude, desde o punto quilométrico 8+600, despois do enlace coa autovía das Rías Baixas, a A-52, e o final da travesía de Angoares, no punto quilométrico 10+200.

As intervencións consistirán na mellora e reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que faciliten os movementos de saída e incorporación á estrada autonómica para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.

Nas obras prevese a creación de puntos específicos para realizar os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade, o que permitirá reordenar outras interseccións próximas, limitando xiros que non se realizan actualmente en condicións de visibilidade.

Ademais mellorarase a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas súas aproximacións ou a ampliación da beirarrúas no paso de peóns.

Principais actuacións

Concretamente, as principais actuacións proxectadas inclúen a mellora da intersección actual no punto quilométrico 8+860, coa creación dunha semiglorieta para un cambio de sentido e a execución dunha glorieta no punto 9+380 para calmar o tráfico e reordenar as saídas próximas.

A actuación incorpora, ademais, as achegas presentadas ao proxecto inicial e inclúe a ampliación das beirarrúas, desde o punto quilométrico 9+210 ata a nova glorieta no punto 9+380, para completar un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada no treito obxecto da actuación. Esta intervención tamén atende á solicitude para mellorar a seguridade peonil coa protección do paso de peóns no punto quilométrico 9+160.

A intervención completarase coa actuación na intersección da PO-403, no punto quilométrico 9+920, mellorando a súa visibilidade coa execución de cuñas de cambio de velocidade e dun carril central.