PONTEAREAS CONTINÚA SEN RENOVAR O CONTRATO DA AUGA, SERVIZO QUE SE COMPROMETEU A “ MUNICIPALIZAR” O BIPARTITO

  • O PP lémbralle ao bipartito BNG-PSOE que se cumpre un ano desde que o contrato caducou e que seguen sen sacalo a concurso público.
  • “Estes que manteñen o servizo sen contrato de ningún tipo, son os mesmos que dicían desde a oposición que ían a municipalizar o servizo da auga, que a empresa actual tiña contrato “a dedo” e non cobraba polo consumo real”.

Ponteareas, 7 de maio de 2021.- O Grupo Municipal do PP denuncia que se vai cumprir un ano desde que caducou o contrato de prestación de servizo da auga no Concello de Ponteareas e que o bipartito segue de brazos cruzados sen liquidar a problemática.

“Nin novo contrato, nin melloras que permitan reducir o recibo aos veciños e cobrar polo consumo real. Despois de case un ano seguimos igual pese aprobarse unha moción en pleno na que o propio Goberno local acordou “ municipalizar “ o servizo e crear unha comisión de seguimento na que estivesen todos os grupos políticos con representación, aos que levan seis anos negándolles información neste sentido” lembran os populares.

Villar considera que o bipartito non ten intención de cambiar o formato de prestación de servizo da auga e que o BNG se dedicou a facer moito ruído desde a oposición para agora gardar silencio cada vez que se lles pregunta porqué segue prestando servizo a empresa actual, se xa finalizou o contrato. “Imos levar esta cuestión de novo ao pleno, para que se municipalice o servizo e para que se rebaixe o recibo que pagan actualmente veciños, comerciantes, hostaleiros, etc”.