MALESTAR ENTRE OS VECIÑOS DE PONTEAREAS POLA REORDENACIÓN DO TRÁFICO NA CONTORNA DO PAVILLÓN ÁLVARO PINO E O CENTRO DE SAÚDE

  • Tal e como advertiu o PP, o inexistente Plan de Tráfico e os bandazos en materia de reordenación, están a provocar grandes atascos e confusión entre os veciños.  
  • “A falta de diálogo reflíctese nesta improvisación que molestou moito aos veciños que esixen consenso e outra solución”.     

Ponteareas, 12 de abril de 2021.- O Grupo Municipal do PP lamenta a improvisación e falta de diálogo que está a ter o edil responsable, o nacionalista Roberto Mera, que abusando do seu cargo como edil responsable da ordenación do tráfico, fai unha política sen plans previos e sen acordar con veciños e empresarios da zona.

“Entendemos que non escoite á oposición, ao PP, pero polo menos que teña a dignidade de sentar cos veciños, comerciantes e usuarios destas zonas que se viron gravemente prexudicados pola decisión unilateral de eliminar dobres sentidos, prazas de aparcamento e reordenar o tráfico e a saída do centro urbano dunha forma pouco lóxica”, critican os populares.

O Grupo Municipal do PP xa advertiu no seu momento que a falta de planificación ía derivar nestes atascos, confusións e enfado dos veciños, xa que son cambios na orde de tráfico que non atenden a ningún criterio nin a ningún obxectivo. “É modificar por modificar. Desprazan o tráfico cara a Bugarín e cara ao barrio de As Cachadas, en relación a que criterio?. Parece que o señor Mera levántase cada mañá cunha nova idea, sen falar cos veciños e moito menos coa oposición. Non analizou os proles e contra destas modificacións e agora os veciños están molestos, con toda a razón”.

O Grupo Municipal do PP esixe, unha vez máis, un Plan de Tráfico adaptado e actualizado á situación real do municipio. “O goberno ten que presentar este plan e deixar a política de improvisación. Que presenten un plan con toda a reordenación e este grupo, como sempre, achegará melloras ao documento”.