O PP SOSPEITA QUE O GOBERNO LOCAL SEGUE SEN APLICAR A ORDENANZA ACTUAL QUE BONIFICA O PAGO DE PLUSVALÍAS

  • Na páxina web do concello segue sen actualizarse a ordenanza de incremento do valor dos terreos de natureza urbana (Plusvalías), que está en vigor desde outubro de 2019.  
  • Os veciños están a pagar polo incremento de valor das súas propiedades aínda cando se aprobou a exención no Pleno municipal o 17 de novembro de 2017, a pedimento do PP .     

Ponteareas, 8 de abril de 2021.- O Grupo Municipal do PP denuncia o deixamento que o Goberno local do BNG e PSOE primeiro por ter un acordo adoptado pola Corporación municipal en novembro de 2017 para eximir do pago de plusvalías aos veciños, ata outubro de 2019, sen publicar no BOP, e agora por estar en vigor hai ano e medio e sen actualizar na web municipal, ocasionando confusión aos veciños.

A non publicidade, aumenta a gravidade, ao impedir aos veciños que liquidaron este imposto desde o ano 2017 o poder reclamar e solicitar a devolución das liquidacións efectuadas durante ese tempo de transición. Esta iniciativa partiu dunha moción proposta polo grupo do PP primeiro no ano 2016 e posteriormente no 2017, contando en ambos os casos con toda a Corporación municipal a favor, pero finalmente co abandono de funcións dun goberno que só está a pensar na recadación.

O Grupo Municipal do PP solicitará acceso a todos os expedientes que se estiveron tramitando desde o ano 2019 porque nos tememos que esta non publicitación da ordenanza estea tamén ligada á non aplicación da exención correspondente, agravándose aínda máis a situación que xa se produciu durante dous anos, do 2017 ao 2019, e que agora obriga ao goberno local a devolver os importes recadados.

“Non sabemos se é por deixamento ou porque realmente segue sen aplicarse a bonificación da plusvalía, o certo é que na web oficial do Concello de Ponteareas a ordenanza segue sendo a antiga. Solicitaremos información do últimos impostos emitidos en relación a esta ordenanza”.