O PP SOLICITA A COMPARECENCIA URXENTE DO CONCELLEIRO DE PERSOAL ANTE A FALTA DE PAGAMENTO DE COMPLEMENTOS AOS TRABALLADORES PÚBLICOS

  • “Pasaron de dicir que estabamos en superavit, subir os soldos dos concelleiros a de súpeto non pagar o que lle corresponden aos empregados municipais”.
  • O PP lamenta que o Goberno local siga malgastando e sen tomar medidas ante a delicada situación financeira do Concello.     

Ponteareas, 07 de abril de 2021.- O Grupo Municipal do PP lamenta que os traballadores públicos non estean a percibir no seu salario o importe que lles corresponde, debido á nefasta xestión económica e financeira do actual bipartito.

“Levamos tempo advertindo, dicindo que estamos en números vermellos, pero eles ou non se decatan ou lles dá igual malgastar o diñeiro público. O bipartito BNG-PSOE executou unha subida de soldos a concelleiros e altos cargos, fai contratacións a dedo, gastos innecesarios, mentres doutra banda non está a cumprir cos traballadores que xa están en persoal nin cos provedores, aos que non se lles paga no prazo que marca a lei. É todo un despropósito. Imos solicitar a comparecencia urxente do concelleiro de persoal para que aclare desde cando e porqué o persoal deixou de percibir estes complementos”, informan os populares.

O PP solicitará tamén que se tomen medidas drásticas para sanear as contas e non vivir no permanente endebedamento. “É necesario priorizar o gasto e deixar de malgastar. Demóstrase unha vez máis que a subida de salarios a toda a corporación foi un erro. Demóstrase que neste Concello non hai superávit e demóstrase por tanto, que era certo todo o que este partido vén denunciando ao longo dos últimos anos”.