O PP APOIA A CANDIDATURA DE ROGELIO GROBA GROBA, PROPOSTA POLA XUNTA, PARA O PREMIO PRINCESA DE ASTURIAS DAS ARTES 2021

  • “O mestre ponteareán Rogelio Groba é merecedor do premio Princesa de Asturias pola súa relevante aportación ao patrimonio cultural musical con máis de 700 obras”, afirman os populares.

Ponteareas, 5 de xaneiro de 2021.- O  Grupo Municipal do Partido Popular de Ponteareas presentou unha moción ao Pleno da Corporación Municipal para que todas as forzas políticas se sumen ao apoio a esta candidatura, proposta pola Xunta de Galicia para os Premios Princesa de Asturias das Artes a favor do mestre ponteareán Rogelio Groba Groba, nacido en Guláns no ano 1930.

É un músico, intérprete e compositor referente no eido do ensino e da difusión e proxección da cultura musical por todo o mundo, que temos o privilexio de coñecelo, de compartir con el moitas horas do seu tempo e da súa obra.

“É un orgullo para Ponteareas e queremos dar o noso apoio indiscutible a esa candidatura”, afirma a portavoz popular Belén Villar.

Na súa biografía destaca unha gran traxectoria musical inicialmente pertencendo a banda de música A Unión de Guláns, estudando no Conservatorio de Música en Madrid e dirixindo numerosas agrupacións musicais en Galicia, España e tamén en Suiza onde residiu durante varios anos.  

Fundou a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e la Orquestra de Cámara Municipal, foi profesor e tamén a dirixiu durante vinte anos. Contribuíu á fundación de conservatorios superiores e profesionais de música en toda a xeografía galega.

Ten recoñecementos e distincións ao longo da súa vida, como o Premio Xunta de Galicia da Cultura (1992), a Medalla Castelao (1995), a mención “Gallego del Año”, en 2002, o premio Internacional Auditorio de Galicia 2004 ou o Premio Cultura Galega de Música (2011).

É membro da Real Academia de Belas Artes de Galicia, da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid e do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses.

Algunhas das súas composicións foron interpretadas por orquestras de gran prestixio, tales como a London Symphony Orchestra, a Orquesta de Cámara de Stuttgart, a Orquestra Sinfónica de Galicia, o Coro Gätchinger o London Voices.

Belén Villar afirma que “o Premio Princesa de Asturias das Artes 2021 será un alto recoñecemento para unha persoa que manifestou ao longo de toda a súa vida un exhaustivo coñecemento e un profundo amor pola cultura musical, e difundiu esta riqueza patrimonial”.

Villar remata, “agradecemos a Xunta de Galicia que propuxese esta candidatura de Rogelio Groba para representar a Galicia nestes premios internacionais”