- “A uns si se lles cobrou a arqueta e a outros non, é incomprensible que o goberno local fixera distincións segundo a zona da parroquia. Crearon confrontación e diferenciación entre os veciños que tiveron que pagar e os que non”.
- Os populares solicitan mediante moción que o Concello devolva os cartos aos veciños aos que obrigaron a pagar máis, que se cumpra a normativa municipal e piden ao bipartito que se desculpe por esta nefasta xestión.
Ponteareas, 11 de decembro de 2020.- O Grupo Municipal do PP lamenta a diferenciación creada polo Goberno local (BNG-PSOE) que, sen ningún tipo de criterio e explicación, cobrou a uns veciños máis que a outros polo servizo de abastecemento de auga na parroquia de Moreira, saltouse a ordenanza municipal e obrigou a varios veciños a pagar pola instalación da arqueta.
Os populares lémbranlle ao alcalde que a rede de abastecemento de auga é competencia municipal e é o goberno local quen debe facer chegar o servizo a todos os veciños, ata o linde das súas parcelas, e existe unha ordenanza municipal, de cumprimento para todos, que establece xa unha taxa para o alta do servizo por importe de 186,07 euros.
“Na zona de Macadín non houbo problemas, con todo os veciños da Feira e A Peroxa tiveron que pagar, ademais da taxa, os gastos das arquetas, uns 70 euros por vivenda”, explican os populares.
O PP solicitou mediante moción a devolución do importe que estes veciños tiveron que efectuar e pedirá explicacións ao alcalde antes este agravio comparativo entre veciños.