A OBRA DA PRAZA BUGALLAL ESTÁ PARALIZADA E É UN REFLEXO DA NEFASTA XESTIÓN URBANÍSTICA DESTE GOBERNO BIPARTITO

  • Os populares alertan da confusión que o propio alcalde xera entre os veciños, con información contraditoria.
  • As tubaxes en amianto que hai no subsolo é o que aparece no proxecto e é o esperado dunha praza que se fixo hai máis de 40 anos.
  • Reforma da praza para a que utilizarán formigón lavado, non canto de pedra, e que descartou a construción do aparcamento subterráneo.

Ponteareas,  23 de novembro 2020.-  A obra na Praza Bugallal está paralizada desde hai varios días, e os populares consideran que o alcalde non é nada rigoroso, xa que non explica cal é o motivo real e confunde á cidadanía, primeiro afirmando que non hai ningunha paralización que son os ritmos normais da construción, despois que se debe á denuncia dun grupo ecoloxista e finalmente que o motivo é a aparición de tubaxes de amianto que non estaban documentadas.

Nunha reforma como esta que afecta a unha praza que ten máis de 40 anos, é bastante probable que as tubaxes sexan de amianto, e o alcalde debería sabelo aínda que non fose máis que por verse o proxecto que aprobaron onde as tubaxes de fibrocemento xa aparecen contempladas.

Os populares afirman que este material é o mesmo que había noutras moitas rúas do centro urbano que xa se foron humanizando, durante o últimos dez anos de gobernos do PP, renováronse varias redes de abastecemento e canalizacións do saneamento, como foron a rúa Oriente, Esperanza, Constitución, Remedios, Rosalía de Castro, Fermín Bouza Brey, Ferreiros, Reveriano Soutullo, Castiñeira, Amado Garra, e un longo etc., e en todas había tubaxes de fibrocemento que se cambiaron.

Os populares ven nesta actitude do alcalde un desvío de atención para non explicar aos veciños o por que nin BNG nin PSOE impulsaron a construción dun aparcamento subterráneo nesta praza como o reclamaban cando estaban na oposición, ou por que a reforma de todo este espazo diante da igrexa, en plena zona vella, farase en acabado de formigón lavado cando debería ser en pedra.