- Os populares reclaman diálogo e consenso ante un documento que pretende aprobar en menos de sete días.
- “Vai proceder a modificar apartados do capítulo de persoal que non foron consensuados nin cos sindicatos nin cos traballadores”.
Ponteareas, 17 de novembro 2020.- O Grupo Municipal do PP lamenta a falta de diálogo do Goberno bipartito (BNG-PSOE) que pretende aprobar a semana que vén o documento máis importante que ten o Concello, os seus orzamentos locais.
“Sen diálogo e por tanto sen consenso. O Bipartito presenta un documento de Orzamentos Locais para 2021 sen reunirse con ningún dos grupos da oposición. Sen escoitar por tanto as nosas suxerencias”, lamentan os populares.
O PP tentará visualizar de forma completa o documento para poder presentar alegacións, nun prazo demasiado breve para tratarse do documento de maior importancia dun Concello.
“Da breve lectura que puidemos realizar detectamos modificacións no capítulo de persoal que non foron acordadas con ninguén. Descoñecemos o estado do investimento do programa EDUSI, cinco millóns de euros que teñen un prazo de execución e que moito nos tememos que non se está cumprindo”.
O PP non quere uns orzamentos exprés porque consideran que son prexudiciais para o municipio. “O ano pasado tamén tiveron présa. O resultado foi un orzamento totalmente irreal que lles levou á bancarrota e á necesidade de asinar varios préstamos”.