- Os populares presentaron un recurso xa que este tipo de cambios requiren unha nova ordenanza de circulación que sexa aprobada en pleno.
- “O bipartito está a cometer unha ilegalidade con este procedemento, xa que o concelleiro non ten competencias para facer este tipo de limitacións de circulación e moito menos sancionar aos veciños que residen en esas rúas e prazas, e teñen dereito a acceder os seus garaxes.
Ponteareas, 27 de outubro de 2020.- O Grupo Municipal do PP interpuxo un recurso potestativo de reposición, previo á vía xurisdicional, para anular os cambios e prohibicións de circulación que o bipartito anunciou no BOPPO en relación á regulación de accesos, circulación e estacionamento de vehículos nas rúas Baratillo, Rogelio Groba, Praza Perillana, Praza Maior e outras.
Os populares consideran que a resolución que se dita vulnera o Real Decreto lexislativo 6/2015 do 30 de outubro polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, por canto en virtude do devandito artigo “non existe competencia do Concello para limitar o acceso ás rúas indicadas na resolución dos vehículos de veciños residentes con prazas de garaxe nin obrigarlles baixo pena de sanción a obter unha tarxeta identificativa”
“É certo que corresponde aos municipios a regulación, ordenación, xestión, vixilancia e disciplina, por medio de axentes propios, do tráfico nas vías urbanas da súa titularidade, así como a denuncia das infraccións que se cometan nas devanditas vías e a sanción das mesmas cando non estea expresamente atribuída a outra Administración. Con todo, o Concello non ten competencia para a limitación ao acceso das rúas relacionadas, se non existe unha Ordenanza que o regule e nestes momentos non a hai, por iso recorremos esta resolución”, explican os populares.
O mesmo que debería existir un Plan de Emerxencias municipal que defina con claridade como deben actuar os servizos de ambulancia, bombeiros e outros nestas rúas e prazas pechadas ao tráfico, e en rúas cun único sentido.
O PP lamenta a falta de diálogo do Goberno local que provocou o malestar de moitos veciños da zona ao atoparse, sen aviso previo/previo aviso, con “carteis pegados nos que se lles prohibía o paso e convidábaselles a sacar unha tarxeta acreditativa para poder entrar nestas rúas e prazas aínda sendo residentes e tendo as súas prazas de garaxe. Os populares solicitan que se impugne a resolución así como as posibles sancións que puidesen derivar da mesma e solicitan ao pleno da corporación que se declare nulo este anuncio por ser contrario ao ordenamento xurídico.