- O goberno decide desestimar a solicitude do sindicato CSIF de suspender a modificación da RPT aprobada definitivamente no pasado mes de maio cos votos favorables dos membros do goberno e con todos os sindicatos e grupos da oposición en contra.
- O goberno confirma a eliminación de varias prazas de persoal de limpeza despois de reflectilas na RPT aprobada en 2018.
- “Non se entende que en 2018 fosen necesarias e agora xa non. Parece que os defensores de municipalizar os servizos agora convertéronse nos reis da privatización”.
Ponteareas, 05 de outubro de 2020.- O Pleno da corporación municipal celebrado o pasado 30 de setembro, decidiu desestimar a alegación presentada polo sindicato CSIF contra a modificación da Relación de Postos de Traballo ( RPT) aprobada definitivamente polo goberno bipartito en maio deste ano 2020.
Previamente, tamén se desestimaron as alegacións de CCOO e UXT, tomándose todos estes acordos cos únicos votos a favor de BNG e PSOE.
O PP sempre se posicionou en contra da modificación da RPT do Concello de Ponteareas, do mesmo xeito que os sindicatos e traballadores. Unha modificación, que entre as cuestións máis destacadas, recolle un recorte inxustificado do persoal de limpeza.
“Resulta que o Goberno que propuxo unha RPT en 2018, agora decide que non se axusta á realidade e manifesta que sobran prazas de persoal de limpeza. Primeiro créaas e un ano despois amortízaas co beneplácito do PSOE. Os abanderados de “ municipalizar” todos os servizos, recortan o servizo público de limpeza para entregalo a unha empresa privada”, afirman os populares.
O PP considera que queda demostrada a hipocrisía e falsidade do BNG-PSOE que desde a oposición, coreaban – non á privatización-, e agora que son Goberno decidiron cambiar de opinión e converterse nos reis da privatización.
“Este bipartito non ten palabra. Non escoita aos traballadores e sindicatos, nin tampouco ten en conta a opinión dos grupos da oposición. En 2018 acordouse crear unha comisión informativa que permitise acordar cambios deste tipo na RPT e non a convocaron nin unha soa vez, a pesar de que o solicitamos en reiteradas ocasións”, lamentan os populares.