O BIPARTITO NON DÁ SOLUCIÓNS AOS PAIS DA ESCOLA INFANTIL

  •  Un representante dos pais interviu no pleno para expoñer a problemática, o Goberno local gardou silencio.
  • “Parece que lles dá igual. O cambio de horarios repentino está a empuxar ás familias a que busquen opcións nas escolas privadas”.
  •  “A falta de previsión do Bipartito levoulles a ter que aprobar in extremis as novas taxas para que os pais poidan ter a bonificación da Xunta, que establece a gratuidade dos segundos fillos”.

Ponteareas, 2 de outubro de 2020.- O Grupo Municipal do PP lamenta que o bipartito non sexa capaz de dar solución aos pais da escola infantil municipal aos que están a demostrar a súa falta de talante, diálogo e a súa nefasta xestión en materia de Educación, improvisando agora o curso escolar cando leva un mes en funcionamento.

Os populares consideran que a “improvisación e nula previsión” é o resultado de toda a problemática xerada. “Os pais cubriron unhas fichas indicando uns horarios que agora non están dispoñibles por falta de persoal. Se hai persoal de baixa terán que contratar a máis educadores. Se un pai marcou un horario deberían respectalo, ou polo menos avisarlle que non é posible que o seu fillo acuda a esas horas coa suficiente antelación para buscar solucións.

Por outra banda, o PP, lamenta que unha vez máis os ponteareáns paguen a falta de traballo do equipo bipartito.

“Mentres todos os municipios veciños, gobernados por formacións políticas de todas as cores, están a aproveitarse da bonificación da Xunta de Galicia, que establece a gratuidade para segundos fillos, a nosa edil di que non puido tramitalo antes por culpa da administración autonómica. A falta de argumentos fai que os políticos se escuden en afirmacións ridículas e grotescas. Os pais non se puideron acoller este mes a esa gratuidade pola nefasta xestión deste bipartito, que está máis preocupado na foto que na xestión”, explican os populares.