- “Despois de destinar máis de 100.000 euros en 2018 á redacción do proxecto, agora parece que o documento do Ministerio de Fomento encargado e que recibiron hai uns meses, non serve”. Volven gastarse 75.000 euros máis.
- O PP cre que todo é un ‘ paripé’ e esixirá explicacións do alcalde no pleno. “Queremos saber que está a pasar co proxecto da EDAR. A redacción dun novo proxecto tradúcese nun novo atraso”.
Ponteareas, 19 de xuño de 2020.- O Grupo Municipal do PP lamenta decatarse pola prensa do novo atraso que sufrirá a obra de ampliación da EDAR , xa que o alcalde afirmaba fai máis dun ano que “xa tiña nas súas mans o proxecto da depuradora no municipio de Ponteareas”.
Os populares non entenden este “novo encargo” xa que o Ministerio de Fomento xa realizou en 2018 un proxecto, o cal custou máis de 100.000 euros, e que segundo palabras do propio alcalde tiña e estaba a ser analizado polo Goberno local.
O último que se nos dixo aos grupos da oposición é que o proxecto estaba finalizado e sendo estudado polo Goberno. Visitou Madrid para, segundo dixo, acelerar estas obras, parece que ou os seus socios de Goberno (PSOE) tómanlle o pelo ou que realmente enganounos cando dixo que en 2020 empezarían as obras da nova EDAR.
Hai días informábase os medios de comunicación da redacción dun novo proxecto, no prazo duns cinco meses, cuestión descoñecida polos populares. “Agora volven encargar un novo proxecto polo que pagarán outros 75.000 euros. Non sabemos nada deste novo proxecto. Que pasa entón co encargado en 2018? Está a dilapidarse o diñeiro público. Un novo proxecto supón un novo atraso na realización da EDAR. Os nosos veciños do rural necesitan xa ter saneamento e mentres estas obras non se executen non poderán gozar de el”, informan desde o PP.
O Grupo Municipal do PP solicitará a comparecencia do alcalde no pleno porque consideran que esta obra é clave e prioritaria para o municipio.
Terminar o saneamento do noso municipio debería ser unha prioridade. Sen a EDAR non é posible. Non entendemos este cambio de criterio. Esiximos ao alcalde explicacións e que deixe de marear con proxectos e póñase a executar a obra xa.