O PP ESIXE DECLARAR PERSOAL DE ALTO RISCO A POLICÍAS, BOMBEIROS, PROTECCIÓN CIVIL E TRABALLADORES DE AXUDA NO FOGAR

  • O Goberno local presenta un Plan de Continxencia no que non considera a estes funcionarios como “colectivos de risco”.
  • O PP solicita tamén ampliar o Plan de Continxencia para o servizo de limpeza, sobre todo na Residencia de maiores e formación e protocolos especiais ante a posibilidade dun caso positivo.

Ponteareas, 27 de maio de 2020.- O Grupo Municipal do PP apoiará o Plan de Continxencia presentado polo Goberno local pero esixe que se modifiquen e concreten varios aspectos do mesmo para mellorar o documento.

Unha das solicitudes dos populares fai referencia a declarar “categoría de alto risco” aos traballadores da Policía, Protección Civil, Bombeiros e persoal de Axuda no Fogar.

“Cremos que, polas condicións do seu traballo, non poden garantir que se cumpra sempre a distancia de seguridade. Ademais, no caso dos corpos de seguridade foron e son os encargados de facer cumprir as normativas do Goberno para facer fronte a esta pandemia”, explican desde o Partido Popular.

A condición que pon o alcalde, Xosé Represas, para ser clasificado como de “alto risco” esixe que ese persoal exerza en “situacións nas que non se pode evitar o contacto estreito con persoas sintomáticas”, e desde o Grupo Municipal do PP consideramos que «tanto Policía, como Bombeiros e Protección Civil realizan actividades non programadas, polo que non se pode prever que non exista contacto con persoas sintomáticas, co cal é perfectamente aplicable a estes profesionais”.

Ademais, o PP solicita unha maior especificación do nivel de risco de cada un dos empregados da Residencia. “Debería aparecer explicado por niveis como si o fai o referente ao persoal do Concello”.

Os populares solicitan tamén un aumento no Plan de Continxencia para o servizo de limpeza con secuencias de traballo, reforzo de persoal e adquisición de produtos específicos para combater a COVID-19.

“Botamos en falta medidas de reforzo de limpeza e un protocolo claro ante a posibilidade dun positivo en calquera das instalacións municipais”.

Por último o Partido Popular considera necesario a formación dos empregados públicos, en particular das traballadoras de Axuda no Fogar e Residencia, en materia de prevención e utilización adecuada dos EPIS. “Especificar que tipo de máscara debe utilizarse, como deben colocarse e retirarse o material, etc…”.