– A media de pago incrementouse ata os 54 días, moi por encima dos 30 máximos que permite a lei. Ademais existen facturas aínda sen contabilizar que poderían poñer a media de pago en 100 días.
– Coa crise que estamos a vivir, consecuencia da COVID-19, “non podemos permitir que o Concello pague agora peor, cando é un momento onde todos debemos axudar en dar liquidez aos nosos autónomos, empresarios e comerciantes”.
Ponteareas, 15 de maio de 2020.- O PP esixe, dentro da batería de propostas que están a facer ao goberno bipartito para afrontar a crise derivada da COVID-19, que se axilicen os pagos a provedores e abónese as facturas pendentes, xa que os datos facilitados, do último trimestre, reflicten que a administración local atrásase no pago unha media de 54 días, cando a lei establece que deben ser menos de trinta días.
O PP considera que o alcalde Represas, responsable de Facenda, ten que axilizar estes pagos e liquidar as facturas correspondentes ao ano 2019, por importe de 600.000 euros.
“Actualmente ten facturas sen contabilizar e sen pagar por valor de máis de 600.000 euros. Son facturas de 2019 polo que, no mellor dos casos, pertencen ao mes de decembro. É dicir, despois de 150 días seguen sen pagarse. A contabilidade destas facturas incrementaría a media de pago do noso Concello en ata 100 días, moito máis que os 54 publicados no último informe trimestral”, explican os populares.
Os populares solicitan ao Goberno local (BNG-PSOE) que tomen nota da proposta e melloren xa o prazo de pago, porque senón os autónomos e empresas que facturan ao Concello van verse gravemente afectadas nestes meses.
“Solicitamos que se cumpra a lei. Que fagan fronte aos pagos cumprindo os prazos establecidos”.
Ademais, solicitan que as axudas directas aos negocios ou os vales de compra para alimentos sexan reembolsados nun prazo inferior a 30 días, “falamos de situacións de emerxencia severa na que non poden estar a esperar tanto tempo”.