Ponteareas, 15 de febreiro de 2019.- A candidata do PP á Alcaldía de Ponteareas, Belén Villar, reuniuse cos membros do Club Sporting San Mateo para trasladarlles a súa preocupación polo estado do campo e anunciarlles que instarán ao alcalde a que se implique na súa mellora.
Así, o Partido Popular presentou unha moción, que será debatida no próximo pleno extraordinario, para instar ao alcalde a que inclúa no Plan Concellos 2018-2019 unha partida suficiente para a dotación de herba sintética de última xeración ao campo de fútbol do Cruceiro San Mateo en base ao acordo unánime de toda a Corporación municipal. En caso de non incluíla, ínstase ao alcalde a que no Orzamento municipal para 2019 exista unha partida suficiente para esta dotación.
Belén Villar lembra que, en febreiro de 2017, a Corporación municipal de Ponteareas aprobaba unha moción presentada polo PP na que se instaba á Deputación provincial a dotar de herba sintética a este campo de fútbol, co obxectivo de cubrir as necesidades do Club Sporting San Mateo e completar así o complexo lúdico deportivo iniciado anos atrás polos distintos colectivos sociais da parroquia e a colaboración do Concello. Transcorridos preto de dous anos desde a adopción deste acordo, en abril de 2018, Belén Villar, en calidade de deputada provincial, preguntaba ao grupo de Goberno da Deputación se se ía acometer esta mellora. A institución provincial remitiuse ao Plan Concellos. Un ano despois nada se fixo, e, por isto, o PP presenta esta moción.
Por outra parte, os membros deste club de fútbol que se reuniron con Belén Villar, trasladaránllolle o seu desánimo polas nulas actuacións do goberno municipal e as súas promesas incumpridas durante estes anos.