O PP reclama unha modificación orzamentaria para construír e rehabilitar centros culturais

Ponteareas, 07 de febreiro de 2019.- O Grupo Municipal do PP presentou unha moción, para ser tratada no próximo pleno extraordinario que se celebrará o 18 de febreiro ás 20:00 horas, co obxectivo de que o Concello invista en centros culturais de diferentes parroquias.

Así, insta ao alcalde e ao seu Goberno municipal a facer modificacións orzamentarias de diversas cantidades. Unha de 150.000 euros para o inicio da rehabilitación da casa adquirida cun préstamo a oito anos da Xunta na parroquia de Pías. Outra de 150.000 euros para o remate do Centro Cultural de Ribadetea, así como outra de 50.000 euros para a reparación da cuberta do Centro Cultural do Coto en Padróns e outra de 150.000 euros para a construción dun novo Centro Cultural na parroquia de Paredes.

Na prórroga do Orzamento Xeral municipal do 2018 para o ano 2019 non aparece ningunha partida económica para continuar coa construción e rehabilitación de centros culturais parroquias. O PP considera que, dada a mellor situación financeira do Concello polo remate da retención do PIE por parte do Estado e polos maiores ingresos que recada dos veciños, pode permitirse continuar financiando obras de mellora e construción de centros culturais. Ademáis hai que engadir que o Plan Concellos da Deputación provincial aporta a Ponteareas máis de 2,3 millóns de euros.

Durante este mandato, o Goberno non inaugurou nin un só centro cultural a diferencia do que se viña facendo nos gobernos anteriores. De feito, o PP investiu máis de 6,8 millóns nestas infraestruturas, construíndo e amoblando, por exemplo o de Arcos, o de Fozara, Guillade, Moreira, San Mateo, Bugarín, Cumiar, Guláns ou Ribadetea, entre outras inversións.

Por todo isto, o Partido Popular agarda que o alcalde e o seu equipo de goberno se impliquen nesta necesidade e dean resposta, dunha vez, ás necesidades dos veciños das parroquias de Ponteareas. Xa non sirve agocharse baixo a escusa da falta de cartos posto que poden facerse modificacións orzamentarias e hai cartos da Deputación que poden ser empregados para esta fin.